O cumio da Celac na Habana sinala como eixos a soberanía e a xustiza

Malia as presións de Washington sobre algúns dos países para non participaren no cumio do Celac, a segunda reunión que ten Cuba como anfitrioa afonda no proceso de integración dos Estados Latinoamericanos e Caribeños e na súa aposta pola soberanía política e a loita contra as desigualdades. 

.
photo_camera .

Con Hugo Chávez, o principal promotor da súa creación, na memoria, a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac) está a celebrar o seu segundo cumio na Habana, cidade na que se reúnen durante esta terza e cuarta feira representantes de todos os países do continente americano, fóra Estados Unidos e Canadá. 

A loita contra a fame, a pobreza, as desigualdades e a soberanía política, económica, social e cultural das nacións alén da unificación de esforzos e solidariedade son algúns dos temas da axenda do cumio da Habana que, significativemente, ten a Cuba como anfitrioa. 

Os 33 estados membros buscan na Celac, profundizar na “integración política, económica, social e cultural de América latina e o Caribe, baseado no pleno respecto pola democracia e os dereitos humanos”. A suma das economías dos países participantes na Celac situaríana como terceiro espazo económico, con 600 millóns de habitantes no seu territorio. 

Avanzar na paz

A inauguración comezou gardando un minuto de silencio na memoria do ex-presidente de Venezuela, Hugo Chávez, un dos principais promotores da Celac. No acto de inicio do cumio, o presidente de Cuba, Raúl Castro, sinalou que “debe ser primordial a creación dun espazo político común no que avanzar para a paz” nun camiño no que identificou uns principios irrenunciábeis, “a soberanía e a igualdade dos estados. Só así conseguiremos que deixe de ser realidade que América Latina e o Caribe é a rexión máis desigual do planeta”. 

Raúl Castro acrecentou que “seguimos vivindo nun mundo rexido por unha orde internacional inxusta e excluínte, na cal as ameazas á paz e á inxerencia externa na rexión continúan. Non podemos esquecer a longa historia de intervención, sanguentos golpes de estado. Os chamados centros de poder non se conforman de ter perdido o control da rica rexión”. 

A Ceac fundouse en 2011 en Caracas, co impulso do presidente Hugo Chávez co fin de acadar a integración e colaboración dos países latinoamericanos desde as súas propias soberanías. Trátase do organismo que reúne un maior número de países que buscan puntos de unión promovido, en especial, por gobernos de esquerdas que se posicionan diante do poder norteamericano. Non por acaso, Washington presionou a algúns gobernos para non asistiren ao cumio da Habana, nun intento de que fracasara un encontro que lexitima o goberno de Cuba, país que preside a xuntanza. De Cuba parte a iniciativa de declarar América Latina como zona de paz que previsibelmente será aprobado na reunión da Ceac. 

Máis en Mundo
Comentarios