Xeopolítica

Cinco 'pequenos' cuestionan na ONU o poder de veto dos cinco 'grandes'

Cinco dos Estados máis pequenos presentes na ONU exixen de China, Rusia, Francia, Gran Bretaña e Estados Unidos que se absteñan de usar o seu poder para frear medidas contra os xenocidios, os crimes de guerra e os crimes contra a humanidade

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas analiza pedir aos cinco membros permanentes do Consello de Seguranza --Estados Unidos, China, Francia, Gran Bretaña e Rusia-- que se absteñan de usar o seu poder de veto "diante de medidas a prol de acabar cos xenocidios, os crimes de guerra e os crimes contra a humanidade". A resolución, promovida por Costa Rica, Xordania, Liechtenstein, Singapura e Suiza --que están entre os menores Estados da ONU--, explica que as ríxidas políticas "impiden" que as reunións do Consello teñan "unha acción eficaz".

Mais as grandes potencias non se dan por aludidas e xa anunciaron que descoñecerán a iniciativa. A votación na Asemblea, de 193 membros, está prevista para esta fin de semana. É este o principal órgano de deliberación e de formulación de políticas. A representación dos cinco estados considera que non lle corresponde á Asemblea facer tales recomendacións ao Consello de Seguranza.

A iniciativa conta con forte apoio de organización non gobernamentais, como a Coalición Internacional para a Responsablidade de Protexer e a Coalición polo Tribunal Penal Internacional (CICC). De saír adiante non será vinculante, mais o impacto político que tería "sería tremento", tal e como recoñeceu o coordenador da CICC, William Pace, quen salientou que "se a Asemblea Xeral adopta a resolución e o Consello de Seguranza implementa as 20 recomendacións será un dos avances máis importantes neste último". Pace engadiu que poderían "salvarse millóns de vidas e evitar un monte de guerras e revoltas nos vindeiros 30 anos". Entre as peticións dos cinco Estados 'menores' está a de exixir dos cinco 'maiores' que expliquen as razóns para recorrer ao veto. 

Máis en Mundo
Comentarios