Cientistas con tacóns: o 'cebo' sexista da UE

Unha campaña publicitaria finanzada pola UE co obxectivo de atraer a atención das mulleres cara os estudos de ciencias deixa fóra as trabas sociais para redundar nunha sucesión de estereotipos que camiñan en tacóns e levan pintabeizos polo 'mundo rosa' das posibilidades

Podería ter sido unha das campañas máis acaídas para espertar o interese das mulleres cara dous 'territorios vedados': a ciencia e a tecnoloxía. Podería ter sido iso, se a chamada fose a combater os porqués reais que as manteñen a elas afastadas deses postos. Mais o anuncio lanzado pola Comisión Europea non é máis que unha sucesión de clichés sexistas desfilando en tacóns altos e vernizados de boas intencións.


Unha etiqueta en español, #CientíficasConTacones, fixo ferver a rede social Twitter. As críticas foron desde as comparacións desta publicidade con outras que anuncian compresas até reflexións que foxen dos estereotipos máis visíbeis para afondar naqueloutros máis sutís e non por iso menos reprochábeis dunha institución como a que está detrás da campaña, como pintar un mundo rosa --o anuncio está rodado sobre un fondo desa cor-- onde semella que os teitos de cristal non existen e que a atención cara o seu traballo está ao alcance dun chascar dos dedos para elas, ao igual que a igualdade de oportunidades, xa que se conquire vestindo saia curta e camiñando de maneira insinuante.

Cómpre un anuncio para que as mulleres escollan carreiras de ciencias? Ollando as cualificacións obtidas por elas no Bacharelato científico-técnico, a media é superior á acadada polos homes. Ollando as matriculacións universitarias, elas son maioría nos estudos de Farmacia, Bioloxía, Química, Física, Medicina e, por suposto, Enfermeiría. Mais, ollando o alumnado das enxeñarías, a presenza das mulleres só acariña o 20%. Semella, xa que logo, que o que lles falta para seren cientistas non é interese, senón superar as trabas sociais.

Hai algúns anos xa, unha cientista que traballaba daquela --1998-- para Greenpeace no Reino Unido describiu nun portal en internet un día na súa vida. Ás 7.15 da mañá collía o autobús en dirección ao seu traballo. Ás dúas do serán decatábase de que aínda non comera e, pola carga de traballo acumulada, decidía pasar sen xantar. Ás 22.05 da noite entraba nun local para mercar unha hamburguesa con patacas fritidas, que enguliría de camiño á casa para mergullarse outra vez en artigos redactados en inglés mentres no maxín lle daba voltas o sentimento de culpabilidade porque non levaba unha vida sá e non lle prestaba á familia e amizades a atención debida.

Nada dicía esta cientista sobre a súa vestimenta, nin sobre se o compañeiro que manexaba o microscopio baixaba os lentes para admirar o seu pousado sedutor, como acontece no video lanzado pola Comisión Europea. Nos tempos que corren, nun Estado como o español e nunha nación como a galega, onde co gallo da crise se están a acometer recortes cuxas consecuencias caen directamente sobre as costas das mulleres, reservando para elas todos os traballos invisíbeis da economía dos coidados, é posíbel adiviñar, lonxe da falta de interese, o motivo real polo que a meirande parte delas descarta librar a batalla contra os teitos de cristal, a falta de recoñecemento ao seu traballo e a equidade de oportunidades nas ciencias.

Máis en Mundo
Comentarios