MADRID

Censuran as preguntas de Jorquera sobre o periplo de El-Rei a Botswana

A Mesa do Congreso non admite as preguntas do voceiro do BNG para esclareceren de onde saíron os cartos para financiar a cazaría

A Mesa do Congreso d@s Deputad@s censurou parte da iniciativa parlamentaria presentada polo BNG en relación á viaxe de El-Rei a Botswana. En concreto, rexeitou aquelas preguntas que pretendían esclarecer se os gastos derivados do periplo de Juan Carlos para ir cazar elefantes foran cargados ao erario público.

O voceiro da formación frontista en Madrid, Francisco Jorquera, rexistrou unha batería de preguntas: "Informou a Casa Real ao Goberno da viaxe do rei Juan Carlos a Botswana o pasado 9 de abril? De ser así, deu a conformidade á viaxe? Coñece o Goberno como se financiou esta viaxe do Xefe de Estado? Foi con financiación privada? En caso afirmativo, o personal de seguridade que acompañou ao rei é o asignado á Casa Real, que está financiado con cargo ao erario público?" Delas unicamente foron admitidas pola Mesa aquelas que se dirixen directamente á xestión do Goberno español.

O voceiro nacionalista entende que os gastos da Casa Real "deben rexirse por unha total transparencia, posto que os seus ingresos proveñen dos Orzamentos Xerais do Estado. Ademáis, é o Xefe de Estado e debería informar das dúbidas e cuestións que diversos deputados temos formulado sobre a opaca viaxe a Botswana". Non entende, xa que logo, a "censura" das preguntas referidas a El-Rei.

Nesa liña, Jorquera --quen ademais é candidato do BNG á Xunta de Galiza-- quixo saber tamén "por que razón só se recortou un 2% no orzamento destinado á Casa Real cando se reduciu en porcentaxes do 19% o orzamento de ministerios importantes como Educación ou Sanidade?" E reprochou ao Executivo de Mariano Rajoy esta "dupla vara de medir" xa que "é difícil de entender" por parte das maiorías sociais que van ter que asumir o repago farmacéutico, o aumento desmesurado das matrículas universitarias ou recortes en servizos básicos esenciais.

Máis en Mundo
Comentarios