Bolivia retira a concesión a unha mineira canadense e nacionaliza o xacemento

Evo Morales recolle o rexeitamento das persoas do lugar onde a multinacional pretendía retirar prata e indio, nun decreto que deixa a explotación en mans da estatal Comibol. Desde Adega, Fins Eirexas defende que a Galiza ten capacidade para que sexa unha empresa pública quen explote os recursos

Mentres o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feijóo, destina partidas orzamentarias case millonarias a financiar a fase de investigación e prospeccións dos proxectos mineiros que se desenvolvan no noso país, pondo a mel nos beizos do capital estranxeiro, no Sur, en Bolivia, Evo Morales vén de anunciar que procederá á nacionalización dos xacementos mineiros afincados en terras bolivianas.

Así, o mandatario aimara aprobou esta quinta un decreto que lle retira a concesión a Mallku Khota, filial da canadense South American Silver, após reunirse coa veciñanza das comunidades da rexión de onde tomou o nome a propia mineira, Mallku Khota, ao norte do departamento do Potosí. O xacemento, motor de importantes revoltas populares --en contra do control estranxeiro, para alén da contaminación de acuíferos e a alteración da vida humana, da fauna e da flora do lugar-- pasará á estatal Corporación Mineira de Bolivia, Comibol. Na montaña de Mallku Khota foi achada tamén unha explotación ilegal de ouro.

"Corresponde aclarar que Bolivia como estado non ten ningún contrato directo con South American Silver, non existen rexistros que demostren un vínculo", sinalou un ministro do goberno de Evo Morales perante as queixas da multinacional canadense, que inviste na bolsa de Toronto e que pretende exixir unha compensación de 50 millóns de dólares polas inversións que din ter feito na exploración, rica en prata e en indio, un mineral considerado raro ao aparecer na natureza en cantidades moi pequenas e cuxo valor no mercado é elevado. Emprégase, por exemplo, na fabricación de televisores de pantalla plana.

A nosa riqueza non é nosa
De capital canadense son tamén as dúas compañías que procuran minerais estratéxicos nos montes das parroquias de Corcoesto e Presqueiras, situadas respectivamente nos concellos de Cabana de Bergantiños e Forcarei. A postura veciñal respecto dos dous proxectos mineiros aparece recollida nunha reportaxe incluída no número 9 do semanario Sermos Galiza.

De maneira resumida, en Corcoesto a intención de Edgewater é explotar unha mina a ceo aberto empregando o cianuro como reactivo para separar a pedra do ouro. En Presqueiras os traballos están aínda na fase das sondaxes --furados no monte dunha profundidade tal que se tiramos un coio podemos contar, paseniño, até dez antes de que a pedra chegue á auga--, e Solid Mines busca estaño, tantalio e coltán.

Após saír á exposición pública e aínda en fase de alegacións, Feijóo mostrou abertamente o seu apoio á multinacional canadense, sinalando que en Corcoesto se crearán 1.400 postos de traballo. Até cinco veces o que recolle o propio proxecto, onde a empresa fala de 271, os mínimos que marca a lei para que a explotación sexa considerada unha actividade estratéxica. E botando contas con todos os datos que contempla a iniciativa, o emprego creado finalmente non pasará de medio cento de prazas.

Falamos con Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, sobre a lexislación ambiental que se está a aplicar na Galiza, e que el cualifica de "neocolonialismo mineiro". Nunha entrevista publicada no semanario defendeu que sexa unha empresa pública a que desenvolva a explotación de minerais como o ouro ou o litio, cualificados de estratéxicos e que amasaron as terras do país "igual que no seu momento o Estado español tiña unha empresa bandeira para o petróleo, que logo foi privatizada, e igual que a día de hoxe Franza ten unha compañía pública que xestiona a enerxía eléctrica".

Di Eirexas que Galiza ten capacidade para proceder do mesmo xeito, evitando malvender o monte "ao capital estranxeiro que vai deixar aquí ridículos investimentos e uns importantes impactos". Que a nosa riqueza a explotemos nós, impedindo a entrada de grandes multinacionais "que non teñen ningún problema en arramplar con todo".

Consultas mineiras no Sur
A oposición á minaría nos países do Sur é palpábel nas comunidades indíxenas. Na República Dominicana outra mineira, Falconbridge, tamén canadense e rebautizada como Minera Lomba, busca níquel nunha zona do mesmo nome en contra das persoas que habitan no lugar. En Guatemala están a se celebrar consultas mineiras nas comunidades indíxenas para que a poboación se pronuncie sobre se quere ou non que as súas riquezas as exploten empresas estranxeiras a custo cero desde un punto de vista social e ecolóxico.

O resultado, un rexeitamento rotundo en todos os departamentos que acolleron as consultas, foi avalado polas Nacións Unidas. James Anaya, relator especial para os dereitos dos pobos indíxenas, recomendou unha moratoria ás concesións mineiras após o 'non' obtivo nas urnas.

Máis en Mundo
Comentarios