Bolivia acode ás urnas con Evo Morales con corenta puntos de vantaxe nas enquisas

O líder indíxena é o principal favorito nas presidenciais, que probabelmente confirmarán o terceiro mandato do actual presidente, que tamén será o último dun ciclo que iniciou en 2006.

Evo Morales
photo_camera Evo Morales

Máis de seis millóns de bolivian@s están chamad@s este domingo ás urnas para unhas eleccións que teñen como gran protagonista ao presidente, Evo Morales, que encara sen rivais o inicio do que, salvo sorpresas, será o seu terceiro e último mandato.

@s bolivian@s elixirán a 130 deputad@s e 36 senadores, así como a representantes noutros órganos, nunha xornada marcada pola votación presidencial. Baixo o lema de "Con Evo imos ben", o Movemento ao Socialismo (MAS) atopou a mobilización popular que buscaba.

Contra o imperialismo

Morales converteuse en xaneiro de 2006 no primeiro presidente indíxena de Bolivia e, oito anos despois, busca bater a marca dos últimos comicios, nos que logrou un 64 por cento dos votos, e renovar a maioría de dous terzos na Asemblea Plurinacional. “Ímoslle a dar un mazazo aos imperialistas e aos neoliberais”, proclamou o mércores nun acto de campaña.

O mandatario lidera as enquisas con 40 puntos de vantaxe sobre o seu máis directo rival, o empresario Samuel Doria Medina, que se presenta pola Unidade Demócrata (UD). En terceira posición figura o ex-presidente Jorge Quiroga, do Partido Demócrata Cristián (PDC).

Máis en Mundo
Comentarios