ESTADO

O BOE anuncia o gasto de 215.000 euros no 'Val dos Caídos' após adxudicar a obra un 18 de xullo

O Goberno do PP prefire reforzar o modelo actual do monumento en homenaxe ao franquismo na vez de afrontar unha reforma que retire do lugar os restos do ditador para dar paso a un centro de Memoria contra a barbarie fascista.

O Goberno adxudicou o pasado 18 de xullo -día que supón o aniversario do golpe militar que dou pé a ditadura de Francisco Franco- o contrato para restaurar a Basílica do Val dos Caídos,en Madrid, unhas obras polas que se abonarán 214.847,16 euros en plenos recortes sociais e das que se encargará a empresa Construcións Javier Herrán, radicada precisamente en Burgos, que foi a sede do goberno dos militares fascistas que acabarían facéndose co poder no Estado español.

A restauración do Val dos Caídos, que xestiona Patrimonio Nacional, anunciada polo BOE, conta cos receos da oposición, que non ve pertinente investir aí mentres a basílica, construída por prisioneiros do bando republicano, siga a ser un lugar de homenaxe aos restos mortais do ditador, así como do fundador da Falanxe, José Antonio Primo de Rivera. Desde a esquerda tense solicitado a súa transformación nun museo de homenaxe á Memoria Histórica e de denuncia das atrocidades cometidas nos anos 30 polo bando da extrema dereita españolista ou mesmo a voadura do enclave. Porén, o PP prefire destinar cartos á mellora da súa función actual, de espírito claramente franquista.

Máis en Mundo
Comentarios