Aznar desafía a Rajoy ao deixar entrever o seu retorno ao primeiro plano da política

O ex-presidente do goberno español, José María Aznar, mostrouse onte moi displicente e até crítico con Rajoy. O membro do Trío dos Azores deixou entrever o seu retornoa o primeiro plano da política, un claro desafío a Rajoy. Na entrevista concedida a Antena 3, negou ter recibido ningún sobre e dixo que as súas contas están claras. Desmentiu o pretenso financiamento ilegal do PP.
José María Aznar

“Nunca eludín a miña responsabilidade. Cumprirei coa miña conciencia, co meu partido e co meu país”, dixo o que fora presidente do goberno español entre 1996 e 2004 co que deixaba a porta aberta a un posíbel regreso á política activa. Na entrevista concedida a Antena 3, Aznar deixou ver tamén que a relación que mantén con Mariano Rajoy, que fora ministro do seu gabinete, non é fluída, confesando que desde que este é presidente só falaran unha vez. “Tivemos unha conversa longa hai tempo, é a única vez que falamos longamente desde que é presidente do Goberno”, dixo, chamativo sendo el antecesor no cargo do mesmo partido. “Estamos nunha crise económica e institucional sen precedentes”, sinalou noutros dos momentos dunha entrevista na que cuestionou a política económica do PP no goberno. 

Casamanto da filla

Aznar falaba a través da cadea do Grupo Planeta o mesmo día que o xornal do Grupo Prisa publicaba a información de que a trama Gürtel, a través das empresas de Correa, tiña financiado a iluminación do casamento da súa filla por importe de 32.452 euros. O ex-presidente negou calquera ilegalidade -ao igual que fixeran con anterioridade a súa muller Ana Botella e o seu xenro Alejandro Agag que falaron de “agasallos correntes”- e acusou de persecución ao grupo de comunicación que o publicou. “É un intento de destruír a honra persoal e a dunha familia. Pero sonlle sincero. Están pinchando no oso. Serán condenados por tanta infamia”, dixo. 

Aznar chegaba ao plató da cadea cando o seu nome aparece vinculado en diversos casos de corrupción e ilegalidade. Na trama Gürtel, mais tamén nos papeis de Bárcenas que cuestionan o financiamento do PP. Neste sentido, o ex-presidente quixo poñerse fora das tramas nos que os implican e foi contundente á hora de negar calquera ilegalidade, desvinculándose só a nivel persoal mais sen negar en ningún momento a posíbel implicación doutros dos dirixentes do partido..

“O PP foi un partido que fixo as cousas ben, con exercicios de transparencia relevantes. Non está sendo chantaxeado por ninguén”, dixo en alusións á contabilidade de Bárcena, sen moitas máis declaracións, xa que alegou que o caso se atopaba en fase xudicial.  José María Aznar afirmou que non recibiu máis retribucións que as de deputado, presidente do PP e do goberno. “Os únicos sobres dos que tiven coñecemento son os fondos reservados que chegaban á Moncloa. Non coñecín outros”, dixo, para negar ter cobrado ningún sobresoldo. Tamén foi preguntado pola súa relación con Blesa, o ex-presidente de Caja Madrid que durmiu a pasada sexta feira en prisión. “Teño unha amizade persoal co señor Blesa. Non vin en ningún caso que fora acusado dun delito”, dixo. 

Exemplo de política laboral

Nun momento no que o goberno do PP encabezado por Mariano Rajoy ten acadado un índice de desemprego histórico, o ex-presidente Aznar referiuse ao seu mandato como exemplo de política laboral.. “Cando entrei no goberno traballaban 12 millóns de persoas, cando marchei, 18 millóns”, dixo ao tempo que se mostraba partidario dunha política de redución de impostos. 

Máis en Mundo
Comentarios