Avoas e nais piden abrir os arquivos e o fin da impunidade despois da morte de Videla

Avoas e Nais da Praza de Maio, os colectivos de mulleres que saíron na busca de fill@s e net@s que a ditadura militar roubou ou fixo desaparecer non dan por finalizada a súa loita coa morte de Videla. Reclaman abrir arquivos e poñer fin á impunidade e lamentan que o ditador morrera sen se arrepentir e sen confesar onde están os seus seres queridos. Valoran, pola contra, que atopase o seu fin no cárcere, onde cumpría condena perpétua. 

Nora Cortiñas
photo_camera Nora Cortiñas

Nora Cortiñas, das Madres de Plaza de Mayo-Linea Fundadora, e moi relacionada con Galiza, reclamou, despois da morte de Videla, a apertura dos arquivos. “Queremos que se abran, que saia á luz e que non morran levando o seu secreto aínda que morreu nun cárcere común, o que demostra que vai rematando a impunidade” sinalou Cortiñas, horas despois de que Jorge Videla falecera no cárcere de Marcos Paz, cunha condena a prisión perpetua por crimes de lesa humanidade. “Eles saben onde están, eles téñenos” apuntou Nora Cortiñas que segue a traballar para que se celebren os xuízos e apoia ás testemuñas que esclarecen a dimensión da barbarie. 

Nais e avoas están a centrar boa parte do seu traballo na busca de bebés apropiados de nais desaparecidas, causa que orixinou unha condena particular contra Videla que consideraron histórica ao recoñecer o roubo de crianzas como parte da estratexia global de represión. Aproveitou as súas declaracións para denunciar que aínda hai moitos xenocidas sen condenar e, ao seu ver, é preciso buscar información que polo de agora se descoñece, en especial nas familias ás que lle foron entregados os bebés roubados. 
“Non hai perdón, nin esquecemento, non hai reconciliación. Agora está morto, mais en vida nunca se arrepentiu nin tivo algún mínimo xesto que nos permitira chegar á verdade e a xustiza” dixo, en declaracións recollidas por Clarín, un dos múltiples medios que nestas horas buscaron a opinión de Cortiñas. 

Pola parte das  Abuelas de Plaza de Mayo, Estela de Carlotto, definiu a Videla como “un xenocida, deshumanizado, que non tivo ningún escrúpulo, el e os seus compinches en ordenar un plan de exterminio”. En roda de prensa, Carlotto lamentou a ausencia dun “xesto de humanidade” en Videla, que, non só non se arrepentiu senón que reivindicou a súa brutal actuación, en referencia á súa intervención no xuízo da pasada semana na que se volveu declarar “preso político” e dixo de novo non recoñecer a xustiza. 
Asegurou Carlotto que as avoas seguirán reclamando "memoria e xustiza inexorablemente, aquí non se pechan ciclos, ábrense portas para que non reine a impunidade”. “O que se xulga non se repite” concluíu. 

Máis en Mundo
Comentarios