95 MORTAS E MÁIS DE 240 FERIDAS

Atentan contra unha manifestación en defensa do pobo kurdo en Ankara

[ACTUALIZADA ÁS 23.40H] “Paz, Traballo e Democracia” era o lema co que discorría unha manifestación pacifista pro-kurda perto da estación de trens de Ankara cando tiveron lugar unhas fortes explosións que deixaron máis de 240 persoas feridas e 95 mortas.

Manifestación Ankara
photo_camera O momento da explosión, capturado pola imaxe dunha televisión

Segundo informan diversos medios internacionais, ao pouco de iniciarse a mobilización pacifista perto da estación de trens de Ankara (Turquía) producíronse fortes explosións que deixaron 95 persoas falecidas e máis de 240 feridas. Ademais, segundo testemuñas presenciais, a policía empregaría gases lacrimóxenos contra persoas manifestantes.

Moitas das persoas mortas eran simpatizantes ou militantes da formación política prokurda Partido Democrático do Pobo (HDP). E é que as explosións, segundo recollen medios locais, teríanse producido perto do lugar no que se deran cita estas persoas para participaren na mobilización.

Convocada por sindicatos de esquerdas e colexios profesionais, a marcha, na que estaban participando milleiros de persoas, protestaba contra a escalada de violencia que sofre o pobo kurdo en territorio turco. Precisamente, en tres semanas terán lugar as eleccións parlamentares do país.

Pola outra banda, na tarde de hoxe, as autoridades turcas prohibiron a emisión de imaxes do atentado de Ankara a través dunha censura provisional. Xustifícano baixo motivos "de seguridade pública".

Máis en Mundo
Comentarios