As políticas de Rajoy contraen o consumo e agudizan a recesión

Os últimos datos aportados polo INE amosan que a redución salarial e o aumento progresivo do desemprego froito da reforma laboral, fan caer o consumo final dos fogares. Entrementres o gasto familiar diminúe a recesión agrávase.  

As políticas neoliberais implementadas polo goberno español como panacea á crise económica, reflicten nos datos achegados polo instituto español de estatística unha importante contracción do consumo e do investimento interno que acentúa a recesión económica cunha diminución do PIB do 0,4%. A caída anual do PIB, que o goberno prevía menor, marca un descenso do 1,3% --sete décimas máis que no primeiro trimestre--.

O propio INE fixa como causa principal desta redución a perda de poder adquisitivo da clase traballadora ademais da destrucion de emprego provocada pola reforma laboral. Segundo os datos feitos públicos esta terza, os postos de traballo a tempo completo redúcense nun 4,6% no Estado español (801 mil empregos netos a tempo completo nun ano). Segundo o informe, o sector servizos perde 350 mil empregos, a construción 303 mil postos de traballo e a industria 136 mil.

Após coñecermos os datos achegados polo INE, fica claro que a política de recortes e axustes do PP na Galiza e no estado non fai máis que agudizar a recesión económica, á espera da suba do IVE prevista para o mes de setembro. 

Na Galiza a economía segue os pasos do Estado español. Após tres meses en caída, o PIB galego redúcese catro décimas. As políticas desenvolvidas polo goberno de Núñez Feijóo provocaron a entrada en recesión do noso país a comezos de 2012. 

Máis en Mundo
Comentarios