As nacións do Sur rexeitan o golpe exprés no Paraguai, que lembra a Honduras

Só tres estados recoñeceron o novo goberno do golpista Federico Franco: España, Alemaña e O Vaticano. As reminiscencias a como Zelaya foi apartado do poder co visto e prace de Wáshington, son moitas

O incremento das expresións internacionais de rexeitamento á destitución do presidente paraguaio, Fernando Lugo, apuntan a un maior illamento do goberno do golpista Federico Franco, que asumiu o poder tras un golpe de estado e un xuízo político alentado polos grandes propietarios das terras e que foi fortemente cuestionado, traendo canda si o avance do agronegocio de man de multinacionais coma Monsanto. Arxentina, Brasil e Uruguai foron as tres primeiras nacións que condenaron a destitución de Lugo. Todos fan parte do Mercado Común do Sur, Mercosur, onde tamén o país guaraní se integra e onde Franco pasará a súa primeira proba de fogo diplomático.

Así as cousas, Mercosur terá a súa reunión semestral a semana vindeira, e tod@s @s membr@s foran escollidos, até o de agora, por procedementos democráticos. Analizarase na xuntanza a proposta da presidenta brasileña, Dilma Rouseff, de expulsar o Paraguai da organización. Só tres estados recoñeceron o goberno formado tras o golpe --España, Alemaña e O Vaticano--, mentres outros doce se negan: Venezuela, Cuba, Honduras, Bolivia, Ecuador, O Salvador, República Dominicana, Nicaragua e Panamá, para alén dos xa citados Arxentina, Brasil e Uruguai. Entenden estes últimos que a chegada ao poder de Franco se produciu tras rachar a orde constitucional e tras violar o dereito de defensa do presidente no xuízo político realizado polo Parlamento.

Así as cousas, o caso paraguaio ten reminiscencias co golpe de Estado que lle arrincou o poder en Honduras a Manuel Zelaya hai tres anos, en xuño de 2009, convocando de seguido unhas eleccións que se realizaron nun clima de medo e que lle deron o poder a Porfirio Lobo. Estados Unidos aplaudiu a destitución de Zelaya, aliado de Venezuela, e deron por bos os resultados dos comicios. Wáshington fixo migas co novo presidente para garantir que podía mover os fios en América Central fronte á consolidación e avance da Fronte Sandinista en Nicaragua, e é probábel que a xogada do imperialismo norteamericano sexa a mesma agora, con Federico Franco, no Paraguai, para recuperar o dominio en América do Sur.

Máis en Mundo
Comentarios