As 'mulleres do carbón' levan a revolta mineira ao Senado

O himno d@s mineir@s fixo retumbar as paredes da cámara baixa na voz dun cento de manifestantes que conseguiron acceder á votación da emenda aos Orzamentos Xerais do Estado, contraria á tesoirada do 64% dos fondos para o Plan mineiro orquestrado polo goberno español. O PP fixo valer a súa maioría absoluta máis unha vez para botar embaixo a achega do PSOE apoiada por toda a esquerda

Un grupo de mulleres correndo por unha rúa empedrada detense de súpeto, abren unha faixa 'En solidariedade cos mineiros' e póñense a berrar pola liberdade. Arrinca así A golpe de tacón, a curtametraxe de Amanda Castro que narra a represión na revolta mineira de Asturias nos anos 60, e o especial protagonismo que as mulleres tiveron nesa loita. Os acontecementos vividos nestes días levan de volta a aquela resistencia, que fora a primeira resposta organizada do movemento obreiro contra o franquismo.

Baixo a consigna "Aquí están, estas son, as mulleres do carbón", foron elas as que levaron a loita mineira ao Senado. 'Santa Bárbara bendita', o himno d@s mineir@s, cantado por ducias e ducias de mulleres das comarcas carboeiras, puño ergueito, fixo ferver o salón de plenos. Uns minutos antes, o PP botou man máis unha vez da ampla maioría absoluta da que goza na Cámara alta para tombar a primeira das sete emendas aos Orzamentos Xerais do Estado presentada polo PSOE e contraria á tesoirada do 64% dos fondos para o Plan mineiro orquestrado polo Goberno español.

Foron 157 votos en contra fronte aos 97 a favor, emitidos estes últimos polos grupos da esquerda e tres senador@s do Partido Aragonés. O senador do PP por León, que anunciara que incumpriría a disciplina do voto, finalmente agachou as orellas e votou tamén en contra.

Unha vez que o presidente do Senado, Pío García Escudero, fixo públicos os resultados da votación, as mulleres puxéronse en pé, chamaron 'desvergonzados' aos senadores e senadoras e comezaron cantar. Foron ao redor de 200 as que se desprazaron até Madrid procedentes desde Aragón, Castilla y León e Asturias, no medio dunha forte presencia policial. Queixándose do trato "de delincuentes" que recibiron --obrigáronas a quitar as camisolas que vestían, co lema 'Queren acabar con todo, si ao carbón'-- ergueron as mans e berraron que "somos mineiras, non terroristas". O PSOE anunciou que elevará unha queixa á Cámara polo trato dispensado ás manifestantes.

Máis en Mundo
Comentarios