As medallas dun soldado español destinado en Afganistán, atenuante nunha condena por violencia machista

O Tribunal Supremo entende que as condecoracións e o feito de participar nunha operación nun país ''perigoso'' como o asiático teñen que servir para rebaixaren a pena por maltratar a súa parella

Participar na operación desenvolvida por Nacións Unidas en Afganistán e posuír condecoracións e medallas por tal misión é unha atenuante á hora de impor unha sanción disciplinaria perante un caso probado de violencia machista. Quen así o estimou foi a Sala do Militar do Tribunal Supremo español, na resolución ditada contra un sarxento condenado por malos tratos contra a súa parella.

Durante unha rifa entre o sarxento primeiro do exército do aire Juan José B.A. e a súa muller, agarrouna dos brazos e espetouna contra a parede, causándolle feridas de consideración. Por estes feitos foi condenado en 2008 por un xulgado de Madrid, ficando libre por falla de probas do delito de maltrato habitual que se lle imputaba, e a sentenza foi ratificada en 2009 pola audiencia madrileña. Nove meses e un día de cárcere, privación do dereito a posuír e portar armas durante dous anos e un expediente disciplinario que lle abriu o ministerio de Defensa por unha falta grave --consistente non no maltrato, senón en resultar condenado por un delito que comporta pena privativa de liberdade-- foron as penas impostas, para alén de que a daquela ministra, Carme Chacón, decretou en 2011 unha suspensión de emprego durante nove meses e un día.

Foi a decisión de Chacón a que motivou o recurso presentado polo sarxento. O Supremo sinala que a sanción escollida pola ex titular de Defensa foi correcta e proporcionada, mais entenden que o tempo imposto é excesivo.

Á vista da entidade dos feitos --o maltrato descrito anteriormente-- suspender de emprego a un maltratador sentenciado durante nove meses é "absolutamente desproporcionado" a ollos do Supremo, xa que as medallas e condecoracións deben obrar neste suposto como atenuante da pena. "Non é posíbel" non facer unha valoración positiva "da infrecuente circunstancia de que o suboficial demandante sexa posuidor de varias condecoracións, distintivos e mencións honoríficas, así como estar afeito a participar en operacións para manter a paz nun escenario da dificultade e perigosidade de Afganistán, onde é frecuente [...] a necesidade de acudir ao emprego da forza armada".

Máis en Mundo
Comentarios