As decisións lingüísticas e económicas do PP abren as primeiras fendas no partido

Un senador de León votará en contra dos orzamentos do estado polos recortes na minaría e un deputado balear foi expulsado por non apoiar a política lingüística do seu partido.
Juan Morano, senador do PP, visitando unha explotación mineira
photo_camera Juan Morano, senador do PP, visitando unha explotación mineira

Para algúns cargos políticos do PP a súa formación xa está a pasar por riba de moitas liñas vermellas e decidiron que contaba máis o voto cidadán que a disciplina de partido. Juan Morano, senador leonés, e Antoni Pastor, deputado no parlamento balear, son os últimos exemplos que o partido que lidera Mariano Rajoy tenta silenciar.

Cando Juan Morano adiantou onte que votaría en contra do orzamento do Ministerio de Industria, apoiando deste xeito as emendas presentadas polo PSOE en referencia ás axudas á minaría do carbón, non houbo ningunha declaración de ningún responsábel popular. A actuación de Morano, que ademais solicitou que seguisen o seu camiño aquel@s senador@s na súa mesma situación, contará o día da votación coa presenza, entre o público, dunha boa parte das mulleres dos mineiros das comarcas de Babia e Laciana.

Antoni Pastor, alcalde de Manacor, foi expulsado do PP por negarse a apoiar a política de imposición do español

Contra o catalán
No outro caso o final foi, polo de agora, diferente. Antoni Pastor, alcalde de Manacor, foi expulsado do PP hai uns días polo Comité de Dereitos e Garantías desta formación por negarse a apoiar a política de imposición do español que está a desenvolver o goberno balear de Bauzá. Sucedeu despois de que o pasado 12 de xuño votase en contra da reforma da Lei da Función Pública que eliminaba o coñecemento de catalán como requisito para traballar na administración pública. O alcalde recibiu o apoio incondicional dos seus veciños e veciñas despois de adoptar esta posición.

Máis en Mundo
Comentarios