Mundo

A Arxentina e Haití celebran eleccións

PRIMARIAS E PARLAMENTARES, RESPECTIVAMENTE

A Arxentina e Haití celebran eleccións

Os colexios electorais xa abriron na Arxentina e en Haití. As primarias arxentinas son a antesala das eleccións xerais de outubro e as eleccións de Haití son as parlamentares, que tiñan que celebrarse hai máis de medio ano.

O pobo arxentino irá este domingo ás urnas coas propostas diferenciadas entre o kirchnerismo e a oposición como telón de fondo. Nas PASOPrimarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias, máis de 32 millóns de persoas están chamadas a elixir os seus candidatos para as eleccións xerais de outubro.

Preséntanse un total de 15 aspirantes de 11 frontes e partidos que se medirán para se converter en candidatos á Presidencia do país. Os precandidatos e precandidatas Terán que gañar as internas do seu partido e lograr un apoio superior ao 1,5 por cento dos votos válidos para poder concorrer ás presidenciais.

Dado que Cristina Fernández non pode presentarse á reelección, o kirchnerismo está representado por Daniel Scioli, ao que todas as enquisas dan como vencedor hoxe. O seu gran rival á Presidencia é Mauricio Macri.

​Os colexios, que xa abriron ás 8.00 hora local, non pecharán até as 18.00 hora local. Prevese que tres horas despois comecen a chegar os primeiros resultados oficiais.

Eleccións parlamentarias en Haití

Pola súa banda, despois de as atrasar máis de medio ano, Haití celebra eleccións parlamentarias. Perto de seis millóns de haitianos están convocados ás urnas para elixir 119 deputados e 20 senadores entre os máis de 1.800 candidatos rexistrados. Especialistas advirten de que estes comicios son unha proba da estabilidade do país, que segue sumido na pobreza.

As eleccións en Haití, que sofre un conflito migratorio coa República Dominicana e a permanente inxerencia dos EUA, comezaron ás 6.00 hora local e finalizarán ás 16.00 hora local, sempre e cando non haxa persoas esperando na cola a súa quenda para votar. De ser así, o proceso electoral ampliaríase até as 18.00 hora local. Polo de agora, a apertura dalgunhas mesas tivo lugar cunha hora de atraso.

comentarios