Arrinca o xuízo contra Javier Krahe por atentar ''contra os sentimentos relixiosos'' na súa curta 'Como cociñar un Cristo'

O artista foi denunciado polo centro xurídico Tomás Moro, que compilou as queixas de varios colectivos e medios de comunicación católicos nas que reclamaban pena de cárcere. Krahe afronta unha multa de 144.000 euros

O cantautor Javier Krahe senta desde esta segunda feira no banco d@s acusad@s por un delito contra os sentimentos relixiosos pola gravación dun video emitido en 2004 en Canal+ no que explicaba 'como cociñar un Cristo para dúas persoas'. A denuncia partiu hai cinco anos do centro xurídico Tomás Moro, que compilou as denuncias presentadas por varios medios de comunicación católicos que reclamaban que o artista fora encarcerado por estes feitos. No xuízo que arrinca agora enfróntase a unha multa de 144.000 euros.

Ademais de Krahe, no banco sentará tamén a produtora do programa Lo+Plus, Montserrat Fernández Villa, para quen a acusación solicita unha multa de 72.000 euros. O grupo no Facebook que se constituíu no 2010 para apoiar o artista suma 24.601 seguidor@s e considera na información que aportan que o proceso aberto supón "unha bárbara coacción da liberdade creativa".

Na súa curta, Krahe explicaba como baixar un Cristo da cruz para "mechar con touciño os estigmas, untalo con abundante manteiga e colocalo sobre un leito de cebolas con especias e finas herbas ao gusto, para introducilo finalmente no forno moderado durante tres días, ao cabo dos cales sae completamente só". O avogado defensor da produtora do programa que emitiu este video manifestou a súa confianza en que sexa este o último xuízo que se celebra no Estado español por motivos relixiosos. 

Máis en Mundo
Comentarios