América Latina é o continente do futuro, segundo o presidente uruguaio

José Mujica, presidente de Uruguai
photo_camera José Mujica, presidente de Uruguai

"América Latina é hoxe o continente do futuro e aquí estase xogado o futuro da humanidade", afirmou o presidente de Uruguai, José "Pepe" Mujica, en declaracións a un medio de comunicación venezolano. O mandatario uruguaio referiuse á crise económica que afecta a Estados Unidos e países europeos, e considerou que "aos latinoamericanos non nos vai tan mal como nos tiñan afeitos" en situacións como esta, aínda que -sentenciou- "algunha vainos tocar".

Nas súas declaracións, insistiu na necesidade da masificación da cultura e o coñecemento como requisito indispensábel para construír sociedades mellores. Ao respecto, sinalou que "non nos podemos permitir o luxo de fracasar no económico e considero que o gran desafío é substituír o esquema económico capitalista". Referiuse aos países latinoamericanos que tratan de mellorar as condicións de vida da poboación e dixo que existen entre eles enormes coincidencias, mais ninguén ten a receita absoluta para construír unha sociedade máis xusta. "Non obstante, como chegamos tarde, cando Europa e outras rexións xa estaban desenvolvidas e industrializadas, temos a vantaxe de aprender dos erros que cometeron outros". O mandatario uruguaio sentenciou que "non sabemos moi ben o que temos que facer, mais temos moi claro o que non temos que facer".

Interrogado sobre as ameazas que penden sobre a rexión provenientes de Estados Unidos, considerou que un sector reaccionario dese país sempre promoverá esas actividades. "Necesitamos", afirmou, "un Estados Unidos moito máis democrático e respectuoso das diferenzas". Aludiu igualmente a institucións rexionais como a Organización de Estados Americanos (OEA) ou a Comisión Interamericana dos Dereitos Humanos. "Deberiamos intentar crear novas institucións máis acordes coas nosas realidades", comentou o mandatario uruguaio.

Máis en Mundo
Comentarios