A tortura policial no Estado español non se investiga

Amnistía Internacional urxe a investigación dos casos de tortura policial pois diversas sentenzas de tribunais españois e internacionais, aseguran que o Estado español non investiga de maneira efectiva as denuncias.

 

photo_camera Imaxe: Amnistía Internacional


Nun informe publicado esta terza, a organización a prol dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional denuncia que entre maio e xullo deste ano dous tribunais e o Comité contra a Tortura das Nacións Unidas emitiron sendos fallos en contra do Estado español por non “levar a cabo investigacións efectivas” en diversas denuncias de tortura presentadas pola cidadanía.

Segundo os ditames dos tribunais, o Estado español non acostuma desenvolver investigacións internas que boten luz sobre os supostos casos de tortura policial e arquiva rapidamente as denuncias xudiciais por “falta de probas” --mesmo se existen informes médicos e indicios que avalen os feitos –.

O TC e o TEDH fallan contra o Estado español
O Comité contra a Tortura das Nacións Unidas ditaminou o pasado 23 de maio que o Estado español violara a Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes ao non ter investigado a denuncia interposta por Olatz Gallastegi en 2011. Pouco tempo despois, o Tribunal Constitucional español estimou o recurso de amparo presentado por Rubén Villa no que denunciaba torturas na súa detención. Segundo o TC o detido –Rubén Villa-- sufriu “indefensión” fronte a un Estado que non respectou os seus dereitos.

En ambos os dous casos, as persoas detidas foron vítimas do réxime de incomunicación previsto polo ordenamento xurídico español, un réxime que “propicia a tortura” ao permitir que unha persoa permaneza baixo custodia 13 días sen poder acceder a un/ha avogad@ ou medic@, así como non pode comunicarse coa súa familia. A ONU vén instando en reiteradas ocasións ao goberno español a abolir o devadito réxime.

Aliás, o pasado 24 de xullo o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou ao Estado español por non ter investigado denuncias de malos tratos con compoñente racista cometidos pola Policía Nacional no caso Beauty Solomon. A moza, de orixe nixeriana e residente en Palma de Mallorca, foi agredida e violentada pola Policía Nacional española após ser chamada en varias ocasións para indetificala. Despois de esgotar todas as instancias xudiciais españolas sen que ningunha delas admitise a trámite o seu caso , a organización Women’s Link Worldwide acudiu ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) que recoñeceu a vulneración dos dereitos da vítima por parte do Estado español. Asemade, multou ao estado, obrigándoo a pagar unha inemnización de 30.000 euros en concepto de “dano pecuniario”.

O TEDH non era a primeira vez que condenaba ao Estado español, pois en 2011 xa emitira unha sentenza pola que obrigaba ao executivo a pagar unha multa de 20.000 euros a favor de Arnaldo Otegi. Segundo o Tribunal de Estrasburgo o Estado español impuxéralle unha condena “desproporcionada” por “inxurias graves a El-Rei” en 2003. Otegi, fora condenado a un ano de cadea polas súas declaracións contra o xefe do estado español nas que afirmaba “é o responsábel dos torturadores e quen protexe a tortura e impón o seu réxime monárquico ao noso pobo grazas á tortura e á violencia”. Para o TEDH a condena non era compatíbel coa liberdade de expresión garantida polo Convenio Europeo de Dereitos Humanos, polo que o Estado español tivo que pagar os 20.000 euros.

Máis en Mundo
Comentarios