A suba do IVE, máis un asalto ao peto do pobo

O goberno español subirá o IVE, unha medida que empeorará as condicións de vida das clases populares.
photo_camera Campaña do PP contra a suba do IVE en 2010

Malia negar a maior en campaña electoral e mesmo en sucesivas ocasións nestes seis meses de lexislatura, o goberno español subirá o IVE, de acordo coas liñas económicas marcadas dende a Comisión europea e o Fondo Monetario Internacional. Unha suba, que se engade ao encarecemento da luz (+7%), o gas (+5%) e a garrafa de butano (+2,9%).

Despois de meses de recortes e medidas de axuste, que non deviñeron nunha melloría da situación económica senón que a agravaron, o Partido Popular insiste en profundar nas mesmas políticas neoliberais e subir os impostos indirectos -aqueles que gravan a tod@s por igual independentemente da renda das persoas. As consecuencias de tal decisión, poden ser xa anticipadas ao abeiro do acontecido noutros países europeos. Portugal, Grecia e Irlanda -cuxas economías foron intervidas de igual xeito que a española, non conseguiron máis que precarizar as condicións de vida das maiorías sociais ao incrementárense os prezos, especialmente, de produtos esenciais.

A aprobación desta suba no IVE, súmase aos novos paquetes de medidas que ten previsto implementar o goberno español: despedimento de persoal público, nomeadamente persoal interino; a conxelación das pensións, ou máis unha vaga de privatizacións, o que supón unha engádega á implantación do (re)pago sanitario, os recortes no financiamento de servizos sociais fundamentais e a precarización laboral logo de ser aprobada máis unha reforma.

Mentres o goberno español lanza as súas consignas, nas que tales medidas constitúen un 'esforzo' a prol da saída da crise, a realidade é que se entregan sen cortapisas cantidades inxentes de diñeiro público á banca privada, principal responsábel da grave situación económica internacional. Após aprobar o rescate á banca española cunha primeira intervención de 30.000 millóns de euros, as particulares pagaremos máis polos servizos e produtos básicos, como contrapartida ao diñeiro emprestado pola UE.

Unha reforma fiscal integral, a alternativa contra os recortes e a suba do IVE

“Que paguen máis os que máis teñen” esa é a proposta do BNG contra as políticas de axuste promovidas dende os gobernos español e galego. A fronte nacionalista, cre que un modelo de financiación propio con maiores gravames para as rendas máis altas e a territorialización dos tributos, permitiría recadar o diñeiro co que financiar os servizos sociais fundamentais.

Na súa proposta, @s nacionalistas apostan pola supresión das deputacións, que consideran "entes obsoletos" e daqueles ministerios con competencias transferidas, como medida de aforro e axuste. Tamén así a supresión do “gasto militar” que permitiría fornecer ás arcas públicas con 10.000 millóns de euros.

Máis en Mundo
Comentarios