A lei Sinde obriga a oito webs a retirar contidos

Apenas medio mes despois de que o Tribunal Supremo rexeitara suspender a aplicación da Lei Sinde, o control e censura de contidos comeza aplicarse con toda a forza que lle dá a nova norma. Oito páxinas webs teñen 48 horas para eliminar as ligazóns consideradas ilícitas.

photo_camera Manifestación de Anonymous contra a Lei Sinde

As páxinas webs terán dous días para retirar de forma voluntaria os contidos acusados de vulneración de dereitos de autor ou, no seu defento, aproveitar ese brevísimo lapso de tempo as alegacións e probas que consideren oportunas para a súa defensa. De non facelo, aplicaránselles os mecanismos administrativos previstos, entre eles, a retirada dos contidos ilícitos ou mesmo o peche da páxina, previa autorización do Xulgado Central Contencioso Administrativo.

A Comisión de Propiedade Intelectual puxo a funcionar a engrenaxe administrativa cando lle deu o visto bo ás solicitudes presentadas contra ditas páxinas webs. Até o momento, segundo os datos que vén de proporcionar, desestimou 243 solicitudes e tomou en consideración outras 326, que se atopan agora en fase preliminar, polo que, en breve, poderían ser moitas máis as páxinas que tiveran que retirar contidos.

“Moitas webs de enlaces terán que pechar”, asegurou David Bravo, especialista en propiedade intelectual. Bravo é o avogado de bajui.com, a primeira páxina de ligazóns en ser advertida pola Comisión da obrigada retirada de contidos. Malia a que a Comisión dirixiu o procedemento contra a empresa de almacenamento, upload. to., domicilada en Suíza, e a quen considera responsábel, porén tamén está a tomar cartas contra bajui como empresa intermediaria. De non facelo, arriscaríase a ser multada cunha cantidade comprendida entre os 150.000 e os 600.000 euros.

bajui.com, a primeira en ser advertida
Dase o caso de que Juan José Manuel Coronel, administrador de Bajui, xa fora no seu momento levado aos xulgados penais e civís, mais de ambos os dous procedementos saíu indemne. Mesmo na vía civil, foi a propia SGAE a multada, e por mala fe procesal. Mais, o que non se conseguíu nin polo civil nin polo penal, poderá acadarse agora pola administrativa, coas novas ferramentas que a Lei Sinde proporciona.

 A estratexia, segundo informa Bravo, é a que segue. Cando a Administración resolva que o contido denunciado -o disco “Un Ramo de Rosas, de Luz Casal- foi subido a upload sen autorización da denunciante, ordenaralle a bajui.com a retirada das ligazóns oportunas. Como o procedemento se dirixe a upload.to, e bajui.com non forma parte do mesmo, non poderá dispor de fase de alegacións e deberá proceder á retirada das ligazóns no prazo que se lle indique.

Máis en Mundo
Comentarios