POLÉMICA NEOLIBERAL

A expropiación de YPF e os debates habilitados

O prestixioso analista arxentino Julio C. Gambina, directivo do Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais, analiza para Sermos a expropiación de YPF por parte do goberno do seu país.
Reivindicación de YPF
photo_camera Reivindicación de YPF

A pasada segunda feira (16/04/2012) a presidenta Cristina Fernández anunciou a expropiación do paquete maioritario de YPF (en mans de Repsol), o que supón a transferencia dun 51% do capital accionarial a mans do Estado, distribuído entre o Estado nacional co 26% e os Estados provinciais petroleiros co 24%. Asegúrase, así, o control estatal da xestión da empresa que lidera o mercado nacional de hidrocarburos (un terzo aproximadamente).

Convén aclarar que no anuncio presidencial manifestouse que non se trata dunha estatización xa que a forma xurídica continúa a ser unha sociedade anónima, con capital aberto a inversores locais ou externos. De feito, Repsol segue a ter o 6%, o Grupo Petersen (familia Eskenazi, de orixe local) seguirá con pouco máis do 25%, transformándose no segundo inversor por detrás do Estado nacional. Así, a propiedade quedará do seguinte xeito: co 26,03% o Estado nacional; co 25,46% o Grupo Petersen; co 24,99% os Estados provinciais; co 6,43% Repsol e un remanente do 17,09% de circulación vía bolsas.
Xunto á presentación do proxecto de expropiación, en trámite parlamentario, decidiuse a intervención da empresa, desprazando á actual xestión cun equipo de funcionarios do poder executivo que inclúe ao Ministro de Planificación, ao Viceministro de Economía e ao Secretario de Enerxía.

Apoios e críticas
A medida xerou até agora un amplo apoio no sistema político e en ámbitos sociais, coas lóxicas críticas dun arco opositor nunha perspectiva de “dereita” e privatista por principios ideolóxicos; e unha irada resposta do goberno español, que tenta tapar a súa propia crise identificando á transnacional petroleira cos intereses de España. Esa mesma posición foi asumida pola maioría do parlamento europeo, coa excepción dos verdes e “roxos”. Varias organizacións e personalidades do movemento popular, os “indignados”, a esquerda española e europea manifestaron a súa solidaridade coas decisións soberanas da Arxentina e contra a transnacional petroleira e as manifestacións dos seus Estados.

Un dos argumentos principais da crítica ideolóxica alude á “seguridade xurídica” dos inversores e ás potenciais demandas en tribunais internacionais, caso do CIADI. O país fica, así, condicionado pola chantaxe da institucionalidade neoliberal subscrita nos anos 90, xa sexan os tratados bilaterais de inversión ou a adhesión ao CIADI. Son varios os países que denunciaron a súa pertenza ao ámbito litixioso do Banco Mundial, tal como ocurriu con Venezuela, Bolivia ou Ecuador; ou que nunca ingresaron, tal como no caso do Brasil. Se ben, deberon denunciarse previamente eses acordos do fomento da dependencia, as ameazas actuais exixen a denuncia dos tratados en tempo perentorio.

Está previsto un Comité de Xestión partillado entre o Estado nacional e os Estados provinciais, o que habilitou a demanda doutras provincias non petroleiras para recibiren os beneficios da produción. Existen provincias que sen teren reservas no seu territorio, procesan combustíbeis, como é o caso emblemático de Bos Aires, sendo o Estado provincial máis extenso e de maior asentamento poboacional que acredita o maior volume en destilación do cru e procesamento do gas. O argumento esgrimido por algúns gobernadores remite  á distribución extendida do fondo da soia entre os municipios de todo o país, con independencia do territorio da plantación da oleaxinosa.

Máis aló de apoios e críticas está a cuestión esencial: a expropiación parcial, abriuse un debate sobre os alcances da medida. Entre os moitos interrogantes discútese o porqué de limitar a medida só ao 51% do capital e non ao 100%. Nese sentido, tamén se considera que non abonda coa estatización como achega e un pregúntase se o que corresponde non debe pasar pola socialización, involucrando na xestión da empresa aos traballadores e á sociedade, na súa calidade de consumidores e usuarios con dereito á enerxía.

Non só se analiza a contía do capital, senón tamén se corresponde, ou non, a indemnización, un tema relegado no proxecto ao ditame do Tribunal de Taxación. No asunto intervén desde o valor de contabilidade até o das accións  no mercado bursátil. Son valores mediados polo dano ambiental e o deterioro da infraestrutura;  inclusive a consideración da inversión orixinaria e a nula reinversión, especialmente, co feito verificado da remisión de utilidades por case o 100% do obtido por YPF.

Política enerxética en discusión
Un aspecto central para o presente e o futuro é a política enerxética, xa que a expropiación supón a crítica ao acontecido nas últimas dúas décadas. Non só se trata da baixada da produción de YPF, tamén, é unha situación que involucra ao conxunto do sector produtor de hidrocarburos. Na conta negativa rexístrase a diminución das reservas de petróleo e gas, que explica o gasto de 9.300 millóns de dólares en importacións de combustíbeis durante o 2011, máis do duplo que  no 2010, e menos do previsto até agora para o ano 2012.

O balance sobre a política enerxética é negativo e non só se adxudica á conta da iniciativa privada, senón ao descontrol oficial, desde a presenza do poder executivo no directorio (avalando a xestión), senón desde todos os ámbitos xa sexan nacionais ou provinciais.

A intervención xa estabeleceu conversas con outras petroleiras para se asociaren no aumento da produción. É, quizais, un sinal de continuidade na xestión favorábel á iniciativa privada, especialmente estranxeira.

O camiño a transitar ten que prestixiar unha auditoría a fondo, sobre a xestión e a produción, para nese camiño transitar novos rumbos, aproveitando o carácter excedentario de YPF para unha reinversión produtiva e considerar a utilización doutros recursos propios do Estado, o que supón unha amplia discusión en dous sentidos. Un remite á orixe deses fondos; e outro ao destino da produción, xa que é tempo de discutir o motivo da produción de hidrocarburos. A indicación dun obxectivo pola sostibilidade, contido no proxecto do poder executivo, significa a continuidade dun modelo produtivo e de desenvolvemento que tamén debe analizarse.

Hai que continuar co uso dos hidrocarburos para un modelo produtivo que favoreza a dependencia tecnolóxica, produtiva, económica e financeira? É posíbel outro destino para os hidrocarburos?

Nese sentido, pode pensarse outra inserción produtiva mundial do país, pensando na soberanía enerxética ampliada á nosa América, integrando esforzos económicos e tecnolóxicos para un modelo produtivo e de desenvolvemento que asegure soberanía alimentaria e que se manteña desde a soberanía financeira. O que se discute é a soberanía e a integración. Son dimensións do problema que contan no marco da crise enerxética, en tanto son parte da crise da economía mundial.

Coa expropiación parcial de YPF son diversos os aspectos que se involucran no debate nacional e mundial. A resposta neocolonial ou imperialista que provén de España e de Europa dá boa conta de que non existen temas especificamente nacionais e que o debate conflúe recorrentemente á discusión da orde mundial.

Máis en Mundo
Comentarios