A eurozona debate as condicións do rescate español

O eurogrupo reúnese para negociar as condicións do rescate, que podería chegar este mesmo outono.

Nesta segunda feira, @s Ministr@s de Economía e Finanzas da zona euro debatirán o memorando -acordo político ou folla de ruta, polo que se estabelecen as condicións do rescate financeiro á ecomomía española. Despois de negociarse un acordo previo ao longo das pasadas semanas entre o goberno español, e @s representantes da troika -Comisión, BCE e FMI, o contrato centrarase principalmente no sector financeiro e nas entidades receptoras do diñeiro europeo. Neste senso, deberán someterse a plans de reestruturación a través da venda de activos, a segregación de activos inmobiliarios e peche de oficinas, o que suporá o despedimento de moitas das súas traballadoras.

No memorando que se negocia esta segunda, recolleranse tamén as condicións do propio rescate, nas que se fixará o prazo de devolución, o período de carencia e o tipo de xuro que se pagará polo diñeiro emprestado. O goberno español, agarda que as condicións sexan flexíbeis e os tipos de xuro por debaixo dos prezos de mercado.

O rescate computará como débeda, e o estado será avalista até o último momento

A canalización da axuda desenvolverase a través do FROB -Fondo de Reestruturación e Ordenación Bancaria, e computará como débeda do estado até que se efectivice o acordado na pasada xuntanza do eurogrupo. As posibilidades de que se produza unha recapitalización directa da banca española minguan, pois as diferenzas de opinión entre os estados membros da unión monetaria, poderían retrasar a súa aprobación até finais do 2013 comezos do 2014, para cando finalizase o rescate español.

Malia todo, de pórse en marcha o Mecanismo Europeo de Estabilidade e non computar como débeda do estado, este seguiría sendo garante ou aval da mesma, polo que as perdas carrexadas polas entidades que non cumpran coas súas obrigas, serán asumidas polo Estado español.

 

Máis en Mundo
Comentarios