A 'españolización' de Wert deixa a cara descuberta os intereses ideolóxicos do PP

O ministro de educación José Ignacio Wert asegura que o seu obxectivo é "españolizar aos alumnos cataláns" pois di, "hai evidencias" que relacionan o crecemento do independentismo coa dirección do sentido educativo. A oposición subliña que as verbas do ministro deixan ver os intereses re-centralizadores do Partido Popular.

As tensións xeradas entre o goberno español e as nacións sen estado --nomeadamente Catalunya-- están a amosar abertamente o ideario reaccionario que serve de guieiro á política d@s ministr@s españois. O último capítulo das "saídas de tono" do executivo de Mariano Rajoy, foi protagonizado esta semana polo responsábel do Ministerio de Educación, José Ignacio Wert, quen asegurou ter como obxectivo a españolización do ensino nos territorios do Estado con lingua propia pois, entende, este é o responsábel da auxe independentista.

Wert: "O noso interese é españolizar aos alumnos cataláns"

A aprobación do anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE), que xa recibiu o visto bo do Consello de Ministr@s, sería o instrumento empregado para cumprir co obxectivo de expandir a "educación nacional" entre os distintos sistemas educativos e garantir "o dereito a estudar en castelán". Neste sentido a nova norma, aumenta a porcentaxe de contidos que o goberno español imporá ás autonomías con lingua de seu --pasando do 55% ao 65% do currículo escolar-- en aras dunha "vivencia equilibrada", aseguraba Wert referíndose de maneira concreta ao estudantado catalán.

ERC: "O ministro representa unha actitude adoutrinadora e colonizadora"

O ministro de educación --que conseguiu ser trendig topic na rede social Twitter polas súas declaracións no Congreso d@s deputad@s--, amosábase "sorprendido" polas críticas que xeraron, principalmente entre os partidos nacionalistas cataláns, as súas declaracións. "Digo españolizar no sentido de que aprendan na escola que non se é menos catalán por ser español" afirmaba Wert nun intento por explicar as súas verbas, ao entender que o sistema educativo catalán esaxeraba "ás veces até a carticatura" os elementos "particulares a costa da parte común", o que diminuía --ao seu entender-- o "sentimento español" entre o alumnado.

Para a oposición as verbas do ministro de Educación, daban conta do "cambio de modelo de Estado" que o goberno español pretende implantar a golpe de reformas, na procura da re-centralización política a través da perda de competencias territoriais. Neste sentido, desde a plataforma catalá Som Escola, aseguraron que a comunidade educativa estará preparada para "combater calquera ataque" no que para ERC demostra "o identitarismo español do PP" e unha actitude "adoutrinadora e colonizadora".

Máis en Mundo
Comentarios