A deputada kurda Leyla Zana, encarcerada por Turquía por defender o seu pobo

Eurodeputad@s de partidos nacionalistas, entre eles o BNG, veñen de entregaren na UE un escrito no que condenan esta sentenza por ''violar a liberdade de expresión e a liberdade política. A activista feminista foi privada de todos os dereitos políticos, como o do voto ou o de postularse a un cargo público

A deputada do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, vén de promover o envío dun comunicado remitido á Alta Representante da Unión Europea de Relacións Exteriores, Margaret Ashton, na que se demanda que o Executivo comunitario exprese a súa condena desta sentencia e reclame a Turquía que se restablezan os dereitos civís e políticos da deputada e activista feminista kurda Leyla Zana.

A través do Grupo Verdes/ALE, a nacionalista fixo entrega dun texto asinado por si propia e por eurodeputad@s como Jill Evans --Gales--, Frieda Brepoels --Flandes--, François Alfonsí --Córcega--, tod@s el@s representantes de partidos nacionalistas, critican que Zana "teña sido privada dos seus dereitos políticos como o dereito a voto e o dereito a postularse para cargos públicos".

Así as cousas, a deputada kurda foi sentenzada a finais de maio a dez anos de cadea por un tribunal de Diyarbakir --Turquía--, sentenzada por "pertencer a unha organización terrorista" e de "difundir propaganda ilegal" nos discursos que fixo entre 2007-2008, moitos deles en foros como a propia Eurocámara.

A feminista fora xa condenada a 10 anos de prisión en abril de 2008. Sobre este novo fallo, que a priva de todos os dereitos políticos, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda considerou desde Bruxelas que supón "un ataque á liberdade de expresión" dunha muller dúas veces nominada ao Premio Nobel da Paz e que foi galardoada co Premio Sarajov á Liberdade de Pensamento en 1995, "incansábel loitadora" dos dereitos do pobo kurdo. O Ministerio Público de Diyarbakir reclamou unha pena de 55 anos de prisión.

A represión do goberno AKP --Partido da Xustiza e do Desenvolvemento-- contra as mulleres kurdas intensificouse. Segundo Gultan Kisanak, co-presidenta do principal partido kurdo BDP --Partido da Democracia e da Paz--, ao redor de 500 mulleres do seu partido están na cadea, entre as que se atopan dúas deputadas --das seis que ten esta formación política-- e dúas intendentes --de 32--. Encadeadas están tamén 25 membras do Consello de Mulleres no seo do BDP, sendo estas as promotoras das mobilizacións contra o feminicidio e a prol da equidade de xénero.

"Consideramos que as acusacións son infundadas e que se trata dunha violación da liberdade de expresión e da liberdade política en xeral", razón pola que se solicita tanto á Comisión Europea como ao Consello da Unión Europea que condene ese veredito e que despreguen "os medios necesarios" para asegurar que o Goberno de Turquía restableza os dereitos civís e políticos de Zana.

Máis en Mundo
Comentarios