''Para nós, pobos indíxenas e sen terra, a 'economía verde' non é a cor do diñeiro''

Remata en Río de Janeiro a Cúpula dos Povos, organizada por movementos activistas e organizacións da sociedade civil para contraprogramar o Cumio da ONU sobre Desenvolvemento Sustentábel e explicar ás maiores economías do Mundo que é iso da 'economía verde'
photo_camera Imaxe: Facebook da Cúpula dos Povos

Cando o G20 anunciou que unha das cinco prioridades da axenda para a cimeira das Nacións Unidas sobre desenvolvemento sustentábel deste ano era o que denominaron 'crecemento verde', algo se remexeu nos adentros dos pobos indíxenas. Souberon que a xuntanza previa que @s president@s das maiores economías do Mundo manteron en México --moit@s delas non aistirán á Cúpula de Río-- advertía de que as principais decisións chegarían xa atadas a Brasil. Máis unha vez, o camiño da imposición.

Diante do panorama, os movementos sociais e organizacións da sociedade civil contraprogramaron: a Cúpula dos Povos celebraríase nos días anteriores á cimeira de países ricos, e tamén en Río de Janeiro. "Repudiamos e denunciamos este xeito de actuar que reforza non só o sistema económico que vén promovendo a mercantilización da natureza, senón tamén e xa sen ningún pudor ampara o secuestro das democracias do mundo". Cuestións como a lexitimidade, a transparencia e o multilateralismo marcan algunhas das moitas diferencias que hai entre as dúas cimeiras. A dos pobos remata esta terza feira; a do capital arrinca na cuarta.

As propostas da ONU ''manteñen o colonialismo''
Un debate entre a Vía Campesiña e de organizacións da sociedade civil co presidente do PNUMA, Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, Achim Steiner, sobre economía verde, a proposta da ONU e as reais implicacións desta na vida das poboacións do mundo. Larissa Parker, avogada da organización Terra de Dereitos e integrante do colectivo Carta de Belén, puxo riba da mesa a enxeñaría de novas tecnoloxías propostas pola ONU "como unha maneira de manter o colonialismo e o discurso de erradicación da pobreza, alén da distribución de riquezas e de terras".

Entenden na Cúpula dos Povos que o modelo proposto non será senón un novo traxe para a 'revolución verde' que prometeu a fin da fame con sementes resistentes e novos pesticidas. "O que se viu foi a continuidade da fame, o endebedamento das familias campesias que pasaron a mercar eses produtos, o envelenamento da comida e a morte de campesiñ@s, principalmente na India", expuxo Parker.

Compromisos asinados sobre papel mollado
A cimeira das Nacións Unidas volta celebrarse en Río de Janeiro vinte anos despois do Cumio da Terra. Daquela, en 1992, acuñáronse termos como 'desenvolvemento sustentábel' e ratificouse a Convención sobre Cambio Climático que sentou as bases do protocolo de Kyoto, alén do Convenio sobre Diversidade Biolóxica que se asinou. Todos estes compromisos ficaron en papel mollado.

A mudanza climática acelerou, canda a perda de biodiversidade e a deforestación, e pon en tela de xuízo calquera proposta achegada desde o sistema capitalista. Así llo fixo saber Larissa Parker ao enviado da ONU para debater na Cúpula dos Povos: "As alternativas están a se sucederen, son visíbeis, é preciso que vostedes ollen cara elas, cara os pobos aquí reunidos e cara as súas experiencias".

Insistíu na mesma liña Edwin Vásquez, representante dunha organización indíxena do Ecuador, explicando ao representante da ONU que 'economía verde' fai referencia á soberanía dos territorios sobre os seus propios recursos. "Para nós, pobos indíxenas e sen terra, a economía verde non é a cor do diñeiro, é a cor da nosa Amazonia". Finalmente, desde a Vía Campesiña, Juan Herrera fixo fincapé na loita d@s campesiñ@s contra o modelo 'verde' que virá amañado desde a reunión do G20 "para beneficiar os países ricos e o capitalismo".

A respecto de todas as interpelacións, Achim Steiner recoñeceu que a propia ONU ficou frustrada cos poucos avances que se rexistraron despois da Eco 92. Na liña, defendeu as tecnoloxías de enerxía renovábel e transxénicos como "boas ferramentas", e colocou a pelota no tellado das "grandes multinacionais" que se "apropiaron" delas.

Contra a mercantilización do corpo das mulleres
Cadrando coa Cúpula, unha marcha mundial de mulleres ocupou as rúas de Río. A legalización do aborto, o respecto ao corpo e a reivindicación da equidade de dereitos foron algunhas das loitas que recoñeceron aínda necesarias. "É o momento propicio para discutir os rumbos das políticas e as accións decisivas porque o mundo enteiro está aquí para decidir o futuro do planeta", sinalou Júlia Marazzo, unha das activistas presentes nunha mobilización contra outra comercialización, a do corpo das mulleres, "que vai contra a lóxica que nós, feministas e ambientalistas, defendemos".

Máis en Mundo
Comentarios