Organizacións de dereitos humanos critican o goberno español polo trato a inmigrantes na fronteira marroquí

Organizacións de dereitos humanos critican o goberno español polo trato a inmigrantes na fronteira marroquí. Até 73 persoas foron devoltas a Marrocos após saltaren o valo por Melilla, nunhas condicións que vulneran os tratados internacionais e a Lei de estranxeiría. Entrementres a policía marroquí atacou brutalmente os campamentos de saharauis na fronteira

Unha vulneración dos tratados internacionais, un procedemento ilegal e unha violación dos dereitos humanos. Así cualificaron as organizacións non gobernamentais Amnistía internacional, Cear --Comisión española de axuda ao refuxiado-- e SOS racismo, a expulsión de 73 persoas inmigrantes que chegaron até a illa de Tierra, a escasos metros da costa de Marrocos.

A alerta dos colectivos en defensa dos dereitos humanos sobre o tratamento que os gobernos español e marroquí están a dispensar a estas persoas vén sumarse á xa emitida para condenaren o ataque da policía marroquí esta segunda feira, contra os campamentos que inmigrantes subsaharian@s teñen colocados entre Segangan e Marihuari, na fronteira con Melilla. Superviventes informaron ao diario El Telegrama de que non é a primeira arremetida, mais si "a máis cruenta e sanguenta".

"Matáronnos a paus. Viñeron de noite e á mañá, e mallaron en nós até que nos partiron os ósos. Levaron algúns a Oujda, e a outros deixáronnos morrendo nos bosques". Di o devandito diario que quen fala é Abderrahaman, un mozo de 25 anos que non pode camiñar porque lle partiron, literalmente, as pernas. Cando o atoparon tiña unha tostada de pan e un batido que lle deron por caridade, mais "ninguén nos axuda porque teñen medo de que mallen neles tamén".

Das persoas que conseguiron superar o dobre valo e entrar en territorio español, 73 foron devoltas a Marrocos. "É unha expulsión colectiva e, polo tanto, prohibida polos tratados internacionais e pola Lei de estranxeiría, que estabelece un proceso con garantías como o dereito á asistencia letrada e a un intérprete" para as persoas que van ser deportadas, informou Amnistía internacional. Para alén do anterior, AI critica que o ministerio español do Interior non facilitou "os mecanismos imprescindíbeis" para coñecer se estas persoas foxen dun conflito ou son vítimas de persecución en Marrocos, a onde foron devoltas.

Sobre este punto falou tamén Abderrahaman, o mozo a quen lle partiron as pernas. "Coma sempre, a garda civil devólvenos. É moi frustrante porque xa entraches. Chegas moi canso, cheo de feridas e detéñente para te expulsar de novo a Marrocos para que aquí nos maten a paus. En Marrocos non nos queren, e no Estado español tampouco. Levo aquí máis dun ano, entrei dúas veces a Melilla e devolvéronme outra vez. Aquí só nos mallan, maltrátannos. Non existen os dereitos humanos. E non podemos volver á casa, volver é imposíbel".

Activistas en prol dos dereitos humanos denuncian que a situación non é nova. As medidas do exército marroquí en contra d@s inmigrantes en situación irregular que queren cruzar a fronteira ao Estado español foron amplamente criticadas, pois acaban estas persoas ora mortas ora malferidas, ou abandonadas no deserto, ou nas instalacións do CIE --Centro de internamento para estranxeir@s-- de Mauritania, un 'Guantanamiño', como denominan as organizacións non gobernamentais.

Criticado polas condicións infrahumanas en que alí se habita, amoread@s, e financiado polo goberno español. Amnistía internacional chegou a falar de "xenocidio silenciado", e denuncia que o executivo de Mariano Rajoy "obra con coñecemento" da situación que lles agarda ás persoas deportadas, documentada pola propia AI en forma de "vulneracións de dereitos, malos tratos, abusos e violacións que nunca son investigadas e fican impunes". Para alén de El Telegrama, ningún medio de comunicación español se fixo eco desta información.

Máis en Mundo
Comentarios