O Concello recorrerá o fallo

A xustiza dálle a razón á familia Franco na propiedade das estatuas do Mestre Mateo

abraham e isaac

O Xulgado número 41 de Madrid desestimou “integramente” a demanda interposta polo Concello de Santiago -cuxo alcalde, Martiño Noriega, avanzou que recorrerá o fallo- contra os herdeiros de Franco e contra a mercantil Pristina S.L. a respecto da titularidade das estatuas do Mestre Mareo, Abraham e Isaac.

En primeira instancia, a xustiza dálle a razón á familia do ditador Francisco Franco sobre a propiedade das estatuas do Mestre Mateo que reclamaba o Concello de Santiago de Compostela.

A xuíza Adelaida Medrano Aranguren indica no fallo que recoñece como “comprensíbel” que logo de 63 de “pasividade” do Concello á hora de reclamar o que lle pertence, “o argumento da súa natureza como bens de dominio público imprescritíbeis é o único dos posíbeis para soster xuridicamente esta acción reivindicatoria como forma de tratar de evitar as consecuencias que o paso do tempo causa na adquisición dos dereitos”. Fronte a isto, fontes municipais sinalaban a Sermos Galiza que "non existe prescrición porque se trata de Patrimonio Histórico Artístico".

A sentenza alude ás “supostas manifestacións de persoas de idade avanzada” para cuestionar a argumentación dos peritos achegados polo Concello a respecto da localización das esculturas Pazo de Raxoi. Aliás, considera que non hai “indicios documentais” da recepción das estatuas após a escritura.

Por outra banda, a xuíza sinala que o feito de que non se achegue o inventario municipal que debera recoller as pezas “impide a este órgano ter por probado que as estatuas fosen recibidas realmente polo concello e que fosen un ben de dominio público”.

A sentenza afirma que existe “unha notoria confusión en canto á identificación” das estatuas, así como ao número e características das obras que se retiraron do Pórtico da Gloria. Alude á “temeridade manifesta” que suporía identificar as estatuas reclamadas polo Concello coas que obran en poder da familia do ditador, da que di que cedeu as pezas para expoñer en mostras “como titulares do dereito de propiedade”, que foi “pública, pacífica e non interrompida”, ao contrario, engade, da "pasividade por parte do concello”.

O Concello recorrerá

O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, expresou a través das redes sociais após ter coñecemento da sentenza, “pedimos unha xustiza xusta e esta decidiu instalarse na inxustiza dun franquismo sen Franco”. Advertiu de que “unha batalla perdida non é unha guerra” e afirmou que o Concello recorrerá o fallo para “traer de volta a Compostela o que é de Compostela e non dunha familia amparada nunha ditadura”.

O Concello de Santiago anunciou en outubro de 2017 que recorrería á xustiza para recuperar as estatuas do Mestre Mateo, que xa tratara de resgatar o Goberno tripartito da Xunta formado entre 1987 e 1990. No ano 2000 o BNG solicitou a recuperación destas no Parlamento por medio de María Pilar Garcío Negro, a quen o conselleiro de Cultura, Pérez Varela, admitira que non se realizara xestión ningunha ao respecto.

Aliás, o BNG interesárase polas figuras de Abraham e Isaac nun pleno municipal de 2012 en Compostela e catro anos despois era En Marea quen rexistraba no Congreso unha proposición non de lei a devolución das pezas á Catedral de Santiago.

Comentarios