FERNANDO SOUTO, PRESIDENTE DA CRMHC

“ A xustiza coas vítimas do franquismo continúa a ser unha débeda”

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña conmemora dez anos de existencia. 

Fernando Souto
photo_camera Fernando Souto

-A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña fai dez anos. Que balance faría desta década de historia?

A Comisión nace en 2004 nunha asemblea aberta á que acode a cidadanía, convocada por Manolo Monge, entón presidente, para traballar sobre a situación na que se atopaba a simboloxía franquista da cidade. Desde entón, conseguiuse cambiar totalmente a mentalidade da cidadanía. O goberno municipal dicía que non existía simboloxía franquista senón que era “histórica”. Co traballo que se fixo pasou a considerarse franquista e non só pola aplicación da lei senón pola conciencia da cidadanía. Fíxose un traballo de investigación sobre os nomes da rúa, como se chega a tomar esa decisión na aplicación dun regulamento que dicía que se escollía para que os actos meritorios de quen levaba o nome fosen repetidos polas xeracións futuras. A xente descoñecía os por ques deses nomes e atopámonos cunha relación que enxalzaba, entre outros, a quen exercera a represión franquista. 

"Pedirémoslle ao Valedor que reclame o cumprimento da lei e dos propios acordos tomados no Concello da Coruña"

-Esa orixe levou logo á organización formal?

Vimos a necesidade de organizarnos baixo a forma xurídica de asociación. Comprobamos que había un déficit importante de divulgación. A memoria estaba ocultada na cidade, en especial, polo papel do vazquismo. Borrárase, por exemplo, que existira unha Coruña emerxente, con moitos colectivos sociais interesante. Galiza, en xeral, era unha nación con forza a nivel asociativo. Na cidade, chegamos a identificar máis de vinte asociacións que pretendían a mellora da sociedade, non só a nivel social senón tamén intelectual. Urxía facer ese traballo de divulgación e reivindicación. Nace, como dicía, da situación esperpéntica de que a cidade continuase a conservar nomes franquistas que, seguen existindo dez anos despois, mais agora existe unha mentalidade social en contra. Poño por caso, o propio PSOE que en 2004 negaba a existencia de nomes franquistas dez anos despois afirma que cometeron un erro por non eliminar a simboloxía, como sinalou a súa actual candidata. Conseguimos que mudara esa mentalidade. 

-Queda moita pegada do franquismo entón en rúas e espazos públicos?

Moita. O Concello aprobara un acordo no que se decidía a retirada de 55 elementos de simboloxía franquista e non se cumpriu. Algo se avanzou mais aínda persiste. Esixirmos que se elimine o nome do General Sanjurjo, General Mola ou Juan Canalejo. Conseguimos gañar nos xulgados un preito contra o concello pero queda moito por facer. Ademais deste ámbito que foi o xermolo da nosa historia, seguimos outras liñas de actuación como, poño por caso, homenaxear e dar a coñecer xente represaliada. A divulgación é un dos fundamentos da memoria histórica. Organizamos tamén a visita do relator de Nacións Unidas a Galiza e levamos a cabo actuacións conmemorativas en distintas partes da Coruña como o monumento no Portiño ou o de homenaxe ás vítimas. Cambiamos tamén a conciencia arredor de como os Franco se fixeron co Pazo de Meirás que pasou de doazón a roubo. Quixemos que o rigor presidira os nosos traballos e, por iso, a investigación e a colaboración de expertos foi fundamental. 

-Nesta conmemoración anuncian que se dirixirán ao Valedor do Pobo para denunciar o incumprimento da Lei da Memoria Histórica na Coruña. 

En varias ocasións puxémonos en contacto con institucións para reclamar o cumprimento da lei e o recoñecemento das vítimas. Agora enviaremos unha carta ao Valedor para denunciar que continúa a haber presenza de simboloxia franquista nas rúas da Coruña. Pedirémoslle que reclame o cumprimento da lei e dos propios acordos tomados no Concello. O alcalde dixo que si cumpría e nós esiximos un calendario para ese cumprimento. 

-De cara ás vindeiras eleccións decidiron dirixirse ás distintas organizacións políticas para pedirlle que recollan nos seus programas a recuperación da memoria. En que consiste esta demanda?

Se seguimos as declaracións públicas dos políticos concluiríamos que todo o mundo está de acordo no cumprimento da lei, o que é moi fácil porque non marca pasos. Logo acontece que temos casos como o do PSdG-PSOE cun secretario Xeral como é o actual presidente da Deputación de Lugo que  fala de tolerancia 0 co pasado franquista mais na cidade de Vigo hai un alcalde do mesmo partido que se nega a derrubar a cruz do Castro mesmo en contra dunha sentencia xudicial. Demandamos contundencia no cumprimento da lei e non tolerar a existencia de elementos que impidan o desenvolvemento 

dunha democracia madura. 

-Por que decidiron apoiar a querela arxentina contra os crimes franquistas?

Apoiamos e continuamos nese compromiso. Oxalá outros países, en especial os que acolleron o noso exilio, se posicionaran de igual maneira contra a situación de indefensión das vítimas. Para nós é importante manter a querela. Se un estado non defende os intereses dos seus cidadáns calquera outro ten obriga de facelo. Hai delitos que non teñen fronteiras. A querela arxentina, nese sentido, é unha porta aberta. 

-O seu traballo bate con moitos organismos, como o Concello da Coruña, foi sempre así nestes dez anos?

"Os netos teñen un papel moi importante na recuperación da memoria histórica, son os protagonistas"

Neste tempo compre destacar un momento de gran relevancia no apoio institucional á memoria na Galiza. Falo do compromiso que manifestou a Consellaría de Cultura no bipartito que, de saída xa fixo a declaración do Ano da Memoria. Tamén algúns concellos fixeron un traballo importante. Compróbase tamén que o cambio de tendencia política deu as costas a memoria. A creación do proxecto Nomes e Voces, promovido desde a Consellaría de Cultura no que participaron institucións e administracións foi fundamental á hora de que as vítimas e familiares puideran falar. Digo que foi un momento fundamental da memoria porque se foi ás súas casas e se lles solicitou a doazón da memoria. As asociacións colaboramos activamente no proxecto para que as casas se abriran e esa dor fora compartida e se dera a coñecer o que acontecera. 

-As vítimas continúan a padecer un trato inxusto?

Precisamos un recoñecemento coas vítimas e ese é aínda o papel angular do traballo pola memoria. Adoitase encadrar a memoria histórica nos departamentos de cultura e historia mais ten outra vertente moi importante que é a da xustiza social. Nacións Unidas atinou ao falar de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. É preciso reclamar maior xustiza para as vítimas do franquismo. O estado non está en perigo por crear unha comisión sobre estes temas. A xustiza coas vítimas continúa a ser unha débeda. Os netos teñen un papel moi importante na recuperación da memoria histórica, son os protagonistas. E fundamental que as novas xeracións saiban o que aconteceu. 

Comentarios