A Xustiza cita os Franco e as Administracións en Meirás para aclarar que bens non se poden retirar

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña desestimou o recurso interposto pola familia do ditador contra a suspensión das actuacións no complexo. O 22 de outubro todas as partes implicadas na liorta polos bens patrimoniais que garda o inmoble, entre eles figuras do Mestre Mateo, terán que acudir ao lugar para determinar "que bens deben ter a consideración de inmobles".
Visitas ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #pazodemeirás #bens #patrimonio #franco #memoria
photo_camera Visitas ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A disputa pola propiedade dos bens que garda o pazo de Meirás, que a familia do ditador Francisco Franco quere retirar -mesmo as estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán-, estará máis perto de solucionarse no mes de outubro. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de citar a todas as partes que se presentaron como afectadas neste conflito, é dicir, os Franco e distintas Administracións públicas, no complexo o día 22 de outubro.

O obxectivo desta sorte de careo é atopar un punto de encontro para determinar "que bens deben ter a consideración de inmobles". Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) serían eses os que non poderían ser levados pola familia.

Ademais de destacar que a maxistrada desestimou o recurso interposto polas achegadas de Franco contra a providencia do pasado 19 de maio na que decretou a suspensión das actuacións relativas a Meirás até resolver se o mobiliario forma parte do inmoble e das leiras incluídas no recinto que os demandados foron condenados a devolver ao Estado, o TSXG aclarou que na comparecencia se analizarán as "cuestións incidentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e o Concello de Sada".

A primeira delas exixiu a "necesaria conservación do inventario" que se aprobara ao principio polo xulgado, no que quedou probada a existencia de elementos pertencentes ao patrimonio español. Tamén pediu a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas do pazo" atendendo ao artigo 334 do Código Civil, que sinala a definición de bens inmobles.

No caso do Goberno local de Sada, este demandaba que se incluíra todo o mobiliario como parte do pazo a efectos de execución da sentenza.

Un proceso xudicial longo

No auto notificado esta sexta feira, a xuíza confirma que a admisión a trámite das cuestións incidentais e, en consecuencia, a desestimación do recurso da familia Franco, "dimana, do auto do 20 de abril de 2021 ditado pola Audiencia Provincial da Coruña". Nese documento, o alto órgano xurisdicional provincial revogou a orde de depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo.

Na resolución, os maxistrados da Audiencia lembraron que, de acordo co artigo 703.1.2 da Lei de Axuizamento Civil, quen está obrigado a entregar a posesión dun inmoble ten dereito a retirar os mobles non comprendidos ao cumprir coa sentenza.

A Audiencia deixou aberta a porta a que o Estado promovese un incidente de execución "a fin de determinar que elementos deben considerarse inseparábeis, como puidese ser a discusión sobre un cruceiro, un hórreo ou elementos pétreos do xardín, ou un retablo ou outros obxectos, pero non estabelecer que non pode retirarse ningún moble".

Comentarios