A Xunta pide nova documentación aos Franco após solicitar estes levar de Meirás bens BIC

Os Franco solicitaran formalmente a principios de mes retirar de Meirás as estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Pardo Bazán.

Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).

A Xunta requiriu á familia Franco que presente documentación adicional para tramitar a súa solicitude de traslado referida ás estatuas do Mestre Mateo, situadas actualmente nas Torres de Meirás, dada a súa consideración como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta información é tamén un requisito obrigatorio no caso da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, lembra a Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

En concreto, explica que a Dirección Xeral de Patrimonio, como departamento autonómico con competencias nesta materia, lembrou aos solicitantes que tanto as esculturas de Abraham e Isaac como a colección bibliográfica da escritora contan "con máximo nivel de protección da Lei do Patrimonio Cultural de Galiza".

"Por tanto, para valorar a petición de traslado recibida é precisa unha documentación detallada que polo de agora non se achegou", explica a Administración galega que aclara que os interesados dispoñen dun prazo de dez días para facelo.

"Mentres tanto, os bens deberán continuar no interior das Torres de Meirás até que a Administración galega se pronuncie para o que dispón de tres meses"

Concretamente, sinala, a información requirida debe ser incluída nunha solicitude que especifique aspectos como condicións de conservación, seguridade e protección, "imprescindíbel ante un ben con esta consideración".

"Mentres tanto, os bens deberán continuar no interior das Torres de Meirás até que a Administración galega se pronuncie para o que dispón de tres meses", remarca a Consellaría a este respecto e despois de que a Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito temporal dos bens a favor do Estado e admitise a demanda da familia do ditador para a súa devolución a esta parte.

Ao fío desta solicitude de documentación adicional, a Consellería lembra que o Goberno galego demandou informes ás principais institucións culturais da Galiza (Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega e Real Academia Galega de Belas Artes), ademais do asesoramento técnico e de especialistas, "para dispor dunha argumentación sólida, respectando sempre as garantías xurídicas", apunta en relación á solicitude do Franco.

Comentarios