A Xunta non cambiará o nome do Anxo Carro pola Lei de Memoria

Delega toda responsabilidade no Club Deportivo Lugo.
O Club Deportivo Lugo xoga os seus partidos como local no Anxo Carro (Foto: EP).
photo_camera O Club Deportivo Lugo xoga os seus partidos como local no Anxo Carro (Foto: EP).

Balóns fóra. Nin Club Deportivo Lugo nin Xunta da Galiza asumen a responsabilidade de acatar a Lei de Memoria Histórica e parece que, polo de agora, o estadio de fútbol da cidade das murallas seguirá recibindo o nome do fascista Ángel 'Anxo' Carro.

A Xunta da Galiza, titular do recinto deportivo, revela a Nós Diario que "non recibiu" ningunha solicitude que pida un cambio de nome que non parece disposto a promover.

O Goberno galego, ben informado sobre o pasado franquista de Ángel Carro, apostila que está disposto a "escoitar e valorar calquera proposta que expoña o Club Deportivo Lugo, como principal e único usuario do estadio de fútbol".

Non obstante, parece complicado que a entidade albivermella sexa quen promova ese cambio de nome, polo menos mentres Tino Saqués siga á fronte da mesma, pois como el mesmo revelaba no número 7 do caderno 'Xogar' que acompañou Nós Diario durante todas as quintas feiras de xuño e xullo: "Estas son cousas que me preocupan moi pouco, penso que hai temas máis importantes que solucionar no Lugo e na sociedade antes que meterse con esta historia".

"Se agora facemos un debate e lle preguntamos á xente se prefire que lle poñamos ao campo Anxo Carro ou Tino Saqués... quen vai gañar? Anxo Carro. Persoalmente, penso que nin eu nin o Club Deportivo Lugo somos quen para propor o cambio de nome nin para facer cumprir a Lei da Memoria Histórica", apostilaba o presidente do Club Deportivo Lugo.

Así, ante unha Xunta -titular do terreo de xogo- que se pon de perfil, e un Lugo -beneficiario en réxime de concesión demanial por unha cantidade de 0 euros- que di abertamente que non, a única esperanza para solucionar esta anomalía democrática na cidade das murallas parece caer na sempre leal afección albivermella.

Xabi Valcarce, da Sección Lololó, conta que xa en 2013 barallaran a creación dunha plataforma para promover, aínda que sen éxito, o cambio de nome do Anxo Carro, coa idea de "meter presión e facer os trámites legais que fosen necesarios para aplicar a Lei de Memoria Histórica e que se lle puidese cambiar o nome do estadio".

Este veterano seareiro considera que, á luz da investigación de Nós Diario que informou sobre o pasado fascista de Ángel Carro Crespo no número 402 do suplemento Sermos Galiza (que saíu do prelo o 20 de xullo e que se pode consultar íntegro nesta ligazón) "sería raro, canto menos, que non se lle cambiase o nome", e considera que "agora o que ten que facer o clube é instar a Xunta a que aplique a lei, nada máis".

De similar opinión e Vili, da agrupación de Seareiras do Minho, que explica que o cambio de nome é un tema "promovido no pasado por Brigadas Lucenses, chegando a comunicarllo ao club, que fixo caso omiso de todo canto lle formulamos".

Parece que o tema dará que falar en vindeiras datas, pois a Federación de Peñas do Club Deportivo Lugo, pese a non ter aínda unha "postura oficial" sobre o tema, considera que hai que respectar a Lei de memoria "por imperativo ético e legal".

"Cando se normalice a situación" desenvolverán a súa asemblea anual, e alí os e as peñistas do conxunto albivermello tratarán o tema, sendo conscientes ademais de que "hai agrupacións que xa propoñen cambiarlle o nome por Estadio do Miño".

Un fascista oculto baixo a máscara de benfeitor local 

Ángel 'Anxo' Carro aínda dispón de moi boa prensa na cidade de Lugo. Só unha pequena parte da cidadanía sabe o fondo que agocha a súa figura, ao que contribúe que na súa web oficial o Club Deportivo Lugo tan só indique sobre el que foi "o encargado da construción do antigo estadio" e "un grande impulsor do deporte na cidade".

Porén, a realidade é ben diferente, pois Ángel Carro foi un dos elementos máis relevantes da fase inicial -e máis dura- do franquismo na cidade de Lugo, sendo definido por un informe elaborado pola propia Policía do réxime como "de extrema dereita" e "adherido con entusiasmo ao Movemento Nacional".

Durante a súa longa traxectoria política na ditadura, ocupou os cargos de concelleiro en Lugo, vicepresidente da Deputación, entre moitos outros, chegando a ser galardoado polo propio Franco, de quen recibiu a Encomenda do Mérito Civil no "Día do Caudillo" de 1956, pouco antes de morrer.

O exemplo de Cádiz: adeus ao histórico Ramón de Carranza

Na outra punta do Estado español, concretamente en Cádiz, vívese unha situación practicamente idéntica á que se dá en Lugo con Ángel Carro, mais na cidade andaluza, logo de moitos anos de debates, xa tomaron unha determinación.

Alí, o Cádiz Club de Fútbol -conxunto recentemente ascendido á Primeira División- xoga os seus partidos como local no Estadio Ramón de Carranza, nome que recibe en homenaxe a un alto cargo do franquismo local, falanxista, que foi alcalde tanto con Primo de Rivera como con Franco, así como presidente da Deputación Provincial de Sevilla e procurador nas cortes do réxime. Pero iso acabouse. 

En maio de 2020, tres anos despois de que o consistorio gaditano lle retirase unha avenida que levaba o seu nome, o concello dirixido por José María González Santos 'Kichi' anunciaba que o estadio local deixaría de recibir a denominación de "Ramón de Carranza" debido a que "non se pode seguir cun nome que incumpre a Lei de Memoria Histórica".

Un proceso participativo aberto a todos e todas

Unha vez tomada a determinación de acatar unha lei aprobada hai 13 anos -o propio Kichi, de Podemos, dixo en varias ocasións no pasado que o cambio de nome do estadio non era "prioritario"-, o consistorio informou de que para substituír Ramón de Carranza quedaba aberto a "axentes socias, o cadismo, a Plataforma de Memoria Histórica e a oposición" un "proceso participativo para tomar do modo máis transversal e democrático a decisión do novo nome".

Queda por saber, polo de agora, que acontecerá co non menos histórico trofeo Ramón de Carranza, o segundo torneo de verán máis importante, tan só por detrás do Teresa Herrera da Coruña.

Comentarios