No entanto, o proceso non deixa de enlearse debido ao cruce de acusacións entre a Xunta e o Estado, que se consideran o un ao outro responsábeis de dar o primeiro paso para protexer os mobles e demais elementos gardados no pazo.
Segundo transcendeu esta tarde, a Avogacía do Estado pediu ao xulgado coruñés que non deixe facer ningunha mudanza -cabe lembrar que onte a familia do ditador intentou acceder ao complexo para estimar cantas viaxes precisarían para levar todo- e que os bens permanezan no interior do pazo.
Malia que as e os achegados de Francisco Franco contan cunha sentenza ao seu favor, esta institución pediu que se conserve o inventario que se realizou en Meirás, pois nel saíron a luz moitas propiedades públicas, e reclama que se determine cales son aqueles bens que teñen "consideración de inmobles".
Esta estratexia responde ao feito de que aquelas pezas que foron incorporadas de forma permanente ao inmoble principal poden considerarse parte indivisíbel do mesmo. Se sae adiante este camiño non poderán ser retirados e quedarán en mans do Estado.
Aliás, pídese que nada se mova de onde está até que exista unha resposta xudicial.
En calquera caso, o Executivo español insta á Xunta a incoar un expediente complementario "respecto dos bens mobles e inmobles (...) tanto dentro do recinto que ten muros como no interior do edificio que, pola súa evidente vinculación cos valores que xustificaron a declaración das Torres de Meirás como BIC, na categoría de sitio histórico, así como respecto aos que resulten ao longo da tramitación do expediente vinculados aos mencionados valores".
Alusión aos Servizos Xurídicos
En contraposición, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez afirmou que desde os servizos xurídicos informan de que ten que ser o Estado, como propietario das Torres de Meirás, quen execute os trámites para ampliar a declaración BIC do pazo, que data de 2008.
Mediante ese proceso se podería chegar a protexer os bens mobles do interior. En todo caso, Rodríguez afirmou que a Xunta tendeu a man ao Estado cunha proposta de convenio de colaboración para posibilitar que o proceso sexa máis claro, “dar seguridade xurídica ás actuacións” e lograr o fin común. Aínda así a Xunta, como os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación, presentou o seu recurso.