A Xustiza insta o Estado a especificar "que bens" de Meirás reclama na demanda contra os Franco

Un xulgado coruñés solicita que a Administración estatal especifique que obxectos non foron parte da demanda e que, por tanto, "non quedarían afectados" no pronunciamiento que puidese ditar o xulgado de Madrid.
Primeiras visitantes a Meirás o pasado 4 de xullo (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Primeiras visitantes a Meirás, o 4 de xullo de 2021. (M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de emitir unha providencia na que require o Estado español para que, no prazo de dez días, indique ao órgano xudicial "de forma detallada e separada" que bens do inventario realizado o 11 de novembro de 2020 son obxecto da demanda que presentou a Administración pola propiedade de 564 bens do pazo de Meirás perante o Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid.

Así o notificou esta sexta feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), após a demanda contra a familia Franco en Madrid, que inclúe unha petición de medida cautelar para que se acorde a permanencia dos bens no inmóbel, en depósito do Estado, até que o xulgado resolva sobre a súa propiedade.

Aliás, o xuíz solicita que especifique cales non foron obxecto da demanda e que, por tanto, "non quedarían afectados" no pronunciamiento que puidese ditar o xulgado de Madrid.

Suspensión da entrega

O xuíz tamén decretou, na resolución, a suspensión, até que se resolva a petición efectuada polo Estado, do prazo concedido ás partes o pasado 26 de setembro de 2022 para que indicasen "o tempo que previsibelmente considerasen necesario para a práctica da dilixencia, así como para que identificasen as persoas que intervirán e medios que van ser empregados para a realización da entrega dos bens con seguridade". Contra a providencia cabe presentar recurso de reposición, no prazo de cinco días.

Nese decreto do pasado mes de setembro, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña decretou que a entrega dos bens do pazo de Meirás que pertenzan á familia Franco debe facerse en presenza dunha comisión xudicial e das partes persoadas no procedemento, tomando como referencia o inventario elaborado en novembro de 2020.

A familia Franco, tal e como estabeleceu o xulgado nun auto do pasado mes de xullo, non poderá retirar todos aqueles bens que nese momento reclamaron o Estado, a Xunta e os concellos da Coruña e Sada porque o maxistrado entendeu que son bens inmóbeis, é dicir, inseparábeis do pazo.

A letrada da Administración de Xustiza, por outra parte, indicou no decreto que para o traslado dos bens de interese cultural será necesario contar coa autorización da Xunta.

Comentarios