'As guerrillas galegas ao descuberto'

García Yáñez, historiador: “O franquismo acudiu á Lexión para acabar coa guerrilla en Valdeorras”

Félix García Yáñez (O Barco, 1954) é licenciado en historia pola Universidade de Barcelona. Autor dunha abondosa bibliografía sobre o pasado das terras de Valdeorras, a quinta feira  publica en Nós Diario unha investigación sobre a guerrilla nesa comarca.
Félix García Yáñez. Foto:Nós Diario
photo_camera Félix García Yáñez. Foto:Nós Diario

Valdeorras é unha das zonas da Galiza con máis actividade guerrilleira, como e cando xorden as primeiras formas de resistencia armada ao franquismo?

O día 21 xullo a entrada de Vilamartín prodúcese un choque armado entre unha columna de gardas civís e falanxistas procedentes da cidade de Ourense, e un numeroso grupo de valdeorreses do Barco, Vilamartín, Carballeda e Rubiá. Ante a incapacidade de deter o avance dos golpistas algúns dos frontepopulistas optan por acubillarse nos montes próximos a súas aldeas mentres que outro grupo encamiñase a Ponferrada, pensando que o Bierzo permanecía leal á república, e ao comprobar que non era así continúan cara Asturias.

Nos días seguintes a toma da comarca desátase a represión sobre os veciños que dirixían os concellos e a continuación sobre os afiliados e lideres dos sindicatos labregos das aldeas que provoca máis fuxidos. Tamén intentan un perigoso viaxe polas serras a Asturias. En moitos casos as delacións, as cuadrillas falanxistas e o cordón militar que pechaba Asturias impedírono. Así, a mediados do ano 1937, os “do monte” xa se atopan agrupados por afinidade veciñal para sobrevivir ou devolver os golpes da represión. Cando a fronte asturiana cae en novembro de 1937 retornan polos montes moitos valdeorreses e incrementan e inician a coordinación das partidas de fuxidos que operaban nas dúas beiras do Sil, a esquerda arredor da serra do Eixe ao carón da Cabreira leonesa e a Seabra zamorana, e a dereita a do Montouto conectada co Courel e O Bierzo.

A Federación Guerrillas está directamente asociada a esa comarca, que significaría da mesma?

A Federación de Guerrillas León-Galiza, a primeira organización armada unitaria antifranquista creada no Estado, foi a resposta popular á represión exercida nuns territorios que non padeceran a fronte de guerra e que mantiñan no seu horizonte ideolóxico as conquistas democráticas-sociais que propiciara a república. Para os labregos valdeorreses, sobre todo para os xornaleiros da viña, as mobilizacións do sexenio republicano representaron  a maioría de idade política na defensa dos dereitos laborais e aspiracións de vida. A Federación, e posteriormente o Exercito Guerrilleiro, existiron sobre o esforzo, a constancia, e a solidariedade dos labregos que aportaron a maioría dos membros. Tanto dos combatentes como da estrutura de apoio sos enlaces. Sen ese conglomerado familiar, veciñal, militante, o franquismo a partir de 1939 tería unha “extraordinaria placidez”, mais só a poido desfrutar a partires de mediados dos cincuenta tras a definitiva derrota da loita guerrilleira. 

"As mulleres foron o soporte loxístico que permitiu sobrevivir durante 18 anos a guerrilla"

Significa o seu traballo o papel desenvolvido polas mulleres na actividade clandestina, pero como foi a represión contra elas?

As mulleres foron o soporte loxístico que permitiu sobrevivir durante 18 anos a guerrilla. Sen elas non se entende a ampla rede de enlaces que facilitaban todo tipo de información sobre os movementos das forzas represivas, eran os ollos e as orellas dos do monte, ao tempo que aportaban aos guerrilleiros alimentos, medicinas, casas de acollida e toques onde se acubillar. Nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) no campamento da “Cidade da Selva”, segundo conta Chelo Rodríguez López, as mulleres participaban de accións militares e estaban en pe de igualdade cos homes.   

A represión contra a guerrilla na comarca como sinala foi moi dura, que papel xogou na mesma o Terzo da Lexión desprazado á zona á volta de 1939?

O primeiro de abril de 1939 Franco declara a guerra acabada coa derrota do exército republicano. Mais esa vitoria estaba incompleta porque en amplas zonas da cordilleira cantábrica e Galiza se mantiñan bolsas sen pacificar. Para acabar cos grupos de resistentes despregáronse as bandeiras da Lexión que utilizaron a táctica que exerceran no Rif marroquí nos anos vinte e na Asturias durante a revolta de outubro de 1934. Expandir o terror entre a poboación para que deixaran de axudar aos fuxidos. Neste contexto danse os feitos na comarca de outubro de 1939. A finais do verán instálase unha unidade no concello de O Barco coa finalidade de acabar cos fuxidos da serra do Eixe. O día 18 varios pelotóns de lexionarios ocupan a aldea de Soulecín, e matan ante os veciños un matrimonio, que se negan a delatar a dous fillos fuxidos. O día 19 os lexionarios desprázanse á aldea de Oval (Rubiá), e aforcan a dúas mulleres, nai e filla, por facilitar a fuxida dun escapado. E ao día seguinte na mesma aldea igualmente colgan a tres mozos irmáns do escapado.
A violencia da Lexión é tan desmedida que a mediados de 1941 o franquismo retira a Lexión da zona tras comprobar que coa súa intervención non minguaba a actividade guerrilleira. A partires desa data a garda civil toma nas súas mans a represión e montará as unidades de contrapartidas e as comandancias móbiles como a principal ferramenta de exterminio da oposición armada.

"Peñamaría mandou a columna da Lexión que asasina ao matrimonio de Soulecín, Chelo a filla testifica que foi o que lle pegou o tiro de graza"

Falar da actuación da Lexión na zona obriga necesariamente achegarse a figura do futuro alcalde coruñés, Sergio Peñamaría de Llano, cal foi o seu papel na dinámica represiva?

Sergio Peñamaría del Llano, foi un falanxista que se presentou voluntario nos primeiros días do golpe militar. Integrouse nas unidades do exército franquista que desde Galiza se desprazaron a Asturias coa finalidade de socorrer ao coronel Aranda, encerrado en Oviedo. Tras facer os cursos de alférez provisional fixo a guerra en distintas unidades militares até acadar o grado de tenente na Lexión. E como tal aparece en Valdeorras no verán de 1939. Ao seu mando directo unha columna da Lexión asasina o matrimonio de Soulecín, Chelo a filla testifica que foi o que lle pegou o tiro de graza aos pais, e tamén manda aos lexionarios que fan a masacre de Oval (Rubiá). A partir destes feitos comezou a destacar no enramado franquista, tras pasar polo corpo xurídico do exército no que como fiscal togado participa en varios consellos de guerra nos anos máis duros da represión, acaba designado por Franco alcalde da cidade da Coruña, en pago dos seus desvelos e traballos na consolidación da ditadura.  

Comentarios