Javier Quintas, historiador

"A creación da Federación estivo liderado polos socialistas"

Javier Quintas (Tui,1979) é profesor de ensino secundario. Delegado da Fundación Luis Tilve da UGT en Ourense, é autor dunha ampla bibliografía sobre a historia do socialismo no período anterior ao golpe de Estado de 1936. A sexta feira escribe en Nós Diario sobre o papel dos socialistas na guerrilla antifranquista
Jesús Quintas. Foto: Nós Diario
photo_camera Jesús Quintas. Foto: Nós Diario

Que papel xogaron os socialistas nos primeiros momentos da resistencia armada e no proceso de organización dos fuxidos?

Nos primeiros meses tras o golpe de Estado moitos socialistas tentaron permanecer agochados nos seus domicilios, ou nas inmediacións dos mesmos, co único obxecto de fuxir da salvaxe represión dos elementos facciosos.  Co decorrer dos acontecementos os que  puideron fuxiron cara o exilio ou uníronse ás forzas republicanas, mentres outros  víronse na obriga de teren que sobrevivir en territorio hostil, ben ocultos, ou ben incorporándose a pequenas e heteroxéneas partidas de fuxidos que foron nacendo de forma un tanto espontánea por toda a xeografía galega.  Boa parte destas partidas de fuxidos estaban lideradas por elementos afíns ó Partido Comunista, se ben non é menos certo que os socialistas, pronto acadaron certa notoriedade pola súa capacidade de organización e por teren unha sólida formación de partido. Non obstante, a perda do contacto cos mandos do partido dificultaron enormemente seguir ningún tipo de directrices, tendo por principios pouco máis ca súa ideoloxía e compromiso coa loita antifranquista.

Cando xorden as primeiras estruturas guerrilleiras impulsadas pola militancia do PSOE?

Entre os anos 1937 e 1939, como digo, xa hai socialistas formando parte de diferentes partidas guerrilleiras, pero haberá case que esperar á caída da fronte asturiana para ver como algúns socialistas xogan un papel fundamental na organización do movemento guerrilleiro. O caso máis significativo é o da creación no outono-inverno de 1941 da Federación de Guerrillas León-Galiza, liderada polos socialistas Marcelino Fernández Villanueva “O Gafas”, Manuel Girón e César Ríos, entre outros. O seu modelo organizativo serviría en boa medida de modelo para outras partes do Estado español.

A Federacións de Guerrillas de León-Galiza nacen cun carácter plural e apartidario pero o peso na mesma dos cadros socialistas é evidente, até que punto se pode falar dunha hexemonía do PSOE na mesma?

Efectivamente, esta federación naceu cun claro carácter plural e apartidario debido sobre todo á grande heteroxeneidade dos seus efectivos. Non todos os que se embarcaron nesta loita eran persoas de partido, fora este o socialista, o comunista ou o calquera outra organización sindical ou agraria. Algúns víranse obrigados polas circunstancias, pero a inmensa maioría estaban fortemente comprometidos coa defensa da república e a loita antifranquista, se ben non sempre contaban coa capacidade, o liderado ou a formación suficiente para organizar a loita armada ou establecer unha estrutura de mando eficaz. Ademais, boa parte de rede de apoios da Federación no leste da provincia de Ourense e na de León respondía á popularidade e liderado de socialistas como Manuel Girón, por exemplo.

Con todo, e tendo en conta a escasa comunicación existente co Partido Socialista, o certo é que os socialistas na dirección da federación exerceron un liderado compartido, tentando sempre manter á marxe as loitas partidarias internas en favor do obxectivo común de loita contra o fascismo e as súas forzas represoras, especialmente a Garda Civil.

"Nos primeiros anos 40 houbo un intento por reorganizar as estruturas do socialismo nas provincias de Lugo, Coruña e Pontevedra"

Ao tempo que se desenvolve a actividade guerrilleira os socialistas desenvolven un traballo de reorganización do partido en vilas e cidades, cando se pode falar dun PSOE de novo estruturado na Galiza e cos seus órganos de dirección funcionando?

Como indico no meu artigo, o traballo de reorganización deuse de forma serodia e moi tímida. Todo parece indicar que nos primeiros anos 40 houbo un intento por reorganizar as estruturas do socialismo nas provincias de Lugo, Coruña e Pontevedra –tamén probabelmente en Ourense- coa creación dunha pequena rede de informadores clandestinos que trataban de traer instrucións desde Madrid. Pensemos que o socialismo tivo unha importante rede de organizacións por toda a xeografía galega, especialmente sociedades de agricultores e oficios varios afectas á UGT e numerosos efectivos que en moitos casos podían desde a clandestinidade contribuír á causa.

Tamén no ano 1947 houbo un novo intento de reorganización das forzas socialistas da man de Ramón Beade e veteranos agraristas nas comarcas de Betanzos, Vigo, Lugo ou Santiago, as cales desenvolveron unha importante labor propagandística até os anos 60, momento a partir do cal podemos comezar xa a falar propiamente da existencia dunha organización de efectivos socialistas.

Malia todo, faltan traballos que aborden en profundidade esta cuestión.

“Os socialistas na dirección da Federación exerceron un liderado compartido”

Como foi a relación entre os militantes socialistas que facía parte da guerrilla e a dirección do partido?. E neste contexto cando e como se toma a decisión de abandonar a vía armada?

As dificultades de comunicación coa dirección do partido impediron en boa medida a recepción de instrucións , deixando un pouco á militancia á súa sorte nos montes galegos na loita contra Franco. A fin da IIª Guerra Mundial e a falta de compromiso da comunidade internacional coa causa da guerrilla e o restablecemento dun réxime democrático no Estado fan que xurda o desánimo entre boa parte dos efectivos guerrilleiros socialistas, o que provocará o abandono da loita armada por puro convencemento da imposibilidade de triunfar na empresa. Esta ademais era a mensaxe que desde o exilio transmitía Indalecio Prieto en 1948, quen incluso fretou un barco en misión de rescate dos guerrilleiros galegos e astur-leoneses que aínda permanecían activos.

Comentarios