Xosé Toubes, o crego paseador que dá nome a unha rúa na Coruña

Aínda dá nome a unha rúa na Coruña. Resistente ao tempo, á aplicación da lexislación e á falta de vontade de gobernos dunha e doutra cor que non se atreven co fundador da igrexa de San Pedro de Mezonzo. Mais como denunciaba recentemente o activista, investigador da memoria e vítima do franquismo Manuel Monge non é un caso illado senón unha mostra de todo o que fica para construír unha sociedade merecente da consideración de democrática.

Tou.2

Merecía non ter nacido. E tampouco Florentino González Vallés, delegado da orde publica na Coruña a presumir da súa crueldade, facendo listas negras de demócratas, perseguindo xentes de ben e organizando o terror. E coma el Uxío Barrero Muñoz, un cura de pistola ao cinto, capelán dos Cabaleiros da Coruña, a  idiotizar as xentes populares da cidade nos tempos de Primo de Rivera e da II República e a cazar homes e mulleres após xullo de 1936. E tampouco os irmáns Mariño, carniceiros de día no mercado de Santo Agostiño, carniceiros de noite nas patrullas paramilitares que peiteaban a cidade na procura de carne humana. E por suposto Armando Casteleiro Varela, primeiro deportista e bufón dos señoritos do Náutico, despois a dirixir as milicias fascistas dedicadas á caza das xentes de ben e xa por último empresario enriquecido a conta do espolio do patrimonio público.

Viviu para facer o mal. Nado en 1891 en Cuntis, formouse no seminario de Compostela e desembarcou en 1909 na Coruña para facerse cargo da parroquia de San Xurxo e poñerse á fronte de todo o programa social e político que estaba a impulsar a igrexa para apartar as clases populares das alternativas de cambio social. Correspondente do xornal católico madrileño El Debate, redactor de El Eco de Galicia, fundou e dirixiu en 1917 El Ideal Gallego, convertido desde o primeiro momento nun eficaz instrumento de loita do catolicismo social contra o agrarismo laico e o movemento obreiro aconfesional. Ao tempo despregará unha intensa militancia promovendo asociacións agrarias de orientación católica e fomentado iniciativas de carácter caritativo nos ámbitos urbanos que servisen de base aos sindicatos católicos. A consecuencia do avanzo das organizacións operarias na cidade centrará o seu traballo nese ámbito, abandonando as súas responsabilidades en El Ideal Gallego en 1930 e dirixindo os seus  folgos a erguer unha obra social a partir da parroquia de San Pedro de Mezonzo.

Non coñeceu a piedade. As diversas fontes que nos chegaron sobre a represión franquista na Coruña sitúanolo como un actor decisivo na articulación do aparato represivo na cidade, traballando man a man coas diferentes milicias paramilitares que sementaron o terror na cidade durante os días que seguiron ao golpe de Estado fascista de xullo de 1936. Xosé Ramón Rodríguez Lago, un dos grandes especialistas da historia da igrexa en Galiza na etapa contemporánea sinalou Xosé Toubes Pego como un dos “sacerdotes que participaron activamente nas sanguinarias operacións de represalia”. Na mesma liña, un grupo de coruñeses, entre os que se atopaba o líder das cigarreiras Severino Chacón, evadidos por barco desde a cidade a zona republicana, nunhas declaracións recollidas polo xornal Nova Galiza no seu numero de xullo de 1937, sinalaba “entre os que denominan os criminais son xa famosos os Casteleiros e o crego Toubes. Tamén outro crego, Barrero, é o compinche do Toubes”.

E será para sempre un cazador de mulleres e homes de ben cuxa presenza nos espazos públicos segue a insultar a conciencia democrática e popular. A lembranza dos seus crimes non esmorecen, como demostraba nesta última década Antón Patiño Ferreiro nas súas Memorias de ferro, en que se preguntaba: “Quen protexeu as pistolas que usaron máis de tres anos os covardes Martín Vieitez e o Mosquera de Arteixo? Quen forneceu de balas aos irmáns Mariño e ao panadeiro de Falperra Porfirio Díaz Hernández? Eles eran os axudantes privilexiados do cura paseador Toubes”. E chamábase Xosé Toubes Pego, morreu na Coruña o 6 de xuño de 1960 e aínda dá nome a unha rúa da cidade.

Comentarios