Xosé Ramón Veiga: “Juana de Vega foi unha muller máis de acción que de reflexión”

Xosé Ramón Veiga Alonso (Foz, 1968) é profesor de Historia na Universidade de Compostela, membro do grupo Histagra e autor dunha ampla bibliografía arredor do século XIX galego. Actualmente comisaría unha exposición sobre Juana de Vega na Coruña e vén de publicar unha biografía sobre esta figura da historia galega.

Veiga Alonso
photo_camera Xosé Ramón Veiga Alonso. (Foto: Nós Diario).

A Coruña acolle estes días unha exposición sobre a figura de Juana de Vega, cales son os seus obxectivos e que significaría da mesma?

Este ano 2022 cumprense 150 do pasamento de Juana de Vega, e tanto desde a Fundación Juana de Vega como desde a Cátedra Juana de Vega da USC programáronse diferentes actos.

O que se atopará na exposición é unha visión condensada do que foi súa vida e o seu activismo público, así como unha explicación dos seus alicerces familiares e un achegamento aos anos en que foi esposa do xeneral Francisco Espoz y Mina, o guerrilleiro da francesada e conspirador contra Fernando VII.

Con todo, o que quizais máis sorprenda da exposición sexan súas relacións políticas, unha liberal progresista que se carteaba con políticos como Juan Álvarez Mendizábal, Agustín Argüelles, Manuel José Quintana, Baldomero Espartero ou Salustiano Olózaga. A súa condición de muller impedíalle figurar publicamente, mais a correspondencia evidencia que súas opinións eran valoradas, que estaba no allo de todo canto se cocía entre seus correlixionarios e que exercía como contacto cos coruñeses e os galegos. Asemade, as súas moitas relacións sociais traducíanse en apoio aos candidatos progresistas, fundamental para entender que o seu amigo Vicente Alsina fose tantas veces deputado a Cortes. E é que Juana mamara a política desde nena a carón do seu pai Juan Antonio, un dos liberais galegos sobranceiros de comezos do XIX e, logo, conspirando a carón do seu marido nos 10 anos da súa emigración.

Para valorar seu papel político, abonda con repasar a nómina dos seus amigos políticos como José Pardo Bazán, Juan Montero Telinge, José Arias Uría, Vicente Alsina, Benito Vicetto, os irmáns de la Iglesia, os Ventura Galcerán, Romero Ortiz ou Eduardo Ruiz Pons.

Precisamente, nestas mesmas datas vén de publicar unha biografía de Juana de Vega, que destacaría desta muller de tanto relevo no século XIX?

A biografía desenvolve estas facetas, é pódese dicir que a exposición é un convite para somerxerse na lectura. É o froito de varios anos de traballo coa consulta de documentación inédita, que coido permite afianzar o que xa intuíamos. Que publicamente foi unha muller senlleira nos eidos da beneficencia, da cultura, da sociedade civil ou no da escrita -elaborou dúas obras autobiográficas e, case certo, redactou as Memorias de Espoz y Mina-, mais tamén no da política. Como curiosidade, dicir que foi a única muller implicada no financiamento do estudo do ferrocarril Palencia-A Coruña xunto dos principais capitalistas coruñeses de mediados do XIX.

Polo que comenta, Juana de Vega é unha muller poliédrica, a grandes trazos cal era a súa visión sobre a Galiza?

Juana foi unha muller máis de acción que de reflexión. Ao morrer deixou todo disposto para erguer unha granxa-escola de agricultura na súa finca da Carballeira. A ela estarían destinados os raparigos do Hospicio Provincial. O seu papel no estudo do ferrocarril, indica que partillaba da crenza de que Galiza posuía enormes posibilidades de desenvolvemento sempre que puidese dar saída ás súas producións. Foi sempre unha muller moi apegada á cidade da Coruña, como demostran as moitas xestións que fixo ao seu prol en Madrid.

A conmemoración neste ano do segundo centenario do nacemento de Antolín Faraldo, volveu traer a actualidade a revolución galega de 1846, cal foi a relación coa mesma de Juana de Vega?

Juana sempre negou que estivese implicada nos feitos, mais todos os indicios a contradín. Por que, senón, tentou desterrala da cidade o Capitán Xeral Juan de Villalonga, e a sinalou como un dos apoios de Solís?. En 1846 chegou a estar vixiada pola policía na busca de probas que a acusasen, de certo unha das poucas mulleres que entón gozou deste “privilexio”. Non teño ningunha proba de que tratase a Antolín Faraldo, e tampouco semella que a condesa partillase do seu provincialismo, aínda que Vicetto falou dun espírito neste sentido. Pódese dicir, que participou desde unha posición de liberal progresista oposta ao dominio moderado, considerado entón unha ditadura encuberta.

Falaba agora de dous dos grandes vultos do século XIX galego, sendo este un período tan central para a historia da Galiza, como explica a escasa bibliografía ao respecto?

A historiografía galega após 1978 centrouse no estudo do galeguismo e da evolución agraria do país, con atención especial ao movemento agrario. Fóra de Xosé Ramón Barreiro, case ninguén historiou o XIX político galego, e de aí a escaseza de estudos. Asemade, os intereses historiográficos actuais están todos ocupados na xeira que se abre en 1931, o que implica que a desatención do XIX continúa.

Comentarios