Xosé Caridad Mateo, o noso arquitecto de tantas obras

Militante nacionalista, soldado antifascista, preso na cadea d´A Coruña e nos campos de concentración franceses.

Xosé Caridad Mateo
photo_camera Xosé Caridad Mateo

Era un dos cinco fillos do Xeneral Caridad Pita, aquel gobernado militar d´A Coruña que a forza de leal foi fusilado polo delito de rebelión en Ferrol en Novembro de 1936 mentres berraba Viva a República.

Era canda Carlos, Francisco, Roxelio e Vicente daquela xinea de coruñeses leais que morreron ou se exiliaron para darlle continuidade á loita. Nada ficou n´A Coruña dos Caridad Mateo agás dúas tumbas anónimas  e toneladas de dor dunha familia coa que se cebou a besta fascista.

"Achegouse ao nacionalismo no faladoiro que Mari Luz Morales argallara na súa casa Barcelonesa, afiliase ao Partido Galeguista en 1931, participa xa como un dirixente publico do mesmo no período republicano, sendo xa en 1936 Conselleiro Nacional do Partido e Presidente do grupo de Cambre".

Militante nacionalista, introdutor do racionalismo arquitectónico en Galiza, soldado antifascista fusil en man, preso na cadea d´A Coruña e nos campos de concentración franceses, fuxido naquel vapor Sinaia que Lázaro Cardenas puxo a disposición da democracia, exiliado en Mexico, activista cultura, escritor compulsivo, ao fin a medida da fidelidade de quen tiña a Galiza como primeiro e único denominador común.

O meu Caridad Mateo non ten remate. Os seus noventa  anos de vida e dor, noventa anos desde aquel Betanzos de 196 até aquel México DF de 1996, segue a ser aínda hoxe unha obra non acabada. Estudante de arquitectura en Madrid e Barcelona, tese de doutoramento sobre a obra da Escola de Bauhaus, membro do movemento GATEPAC (Grupo de Artistas e Técnicos Españois para a Arquitectura Contemporánea), arquitecto desde 1931 da Cámara da Propiedade Urbana da Coruña, foi o introdutor en Galiza do movemento moderno e do racionalismo.

O proxecto da Casa do Povo de Ferrol (1933) xamais executada, a reforma da Xoiería Malde (Santiago de Compostela), coa que se iniciou o debate sobre a intervención no patrimonio arquitectónico, a Casa Caramés en Perillo e o edificio de vivendas da Casa Morán na  rúa Emilia Pardo Bazán da Coruña até aquí a súa obra galega. Xa en México a súa obra chega a Acapulco, Guadalaxara ou México DF, onde destaca a cúpula do Centro Galego, executada pola empresa “Construtores Hispano – Mexicanos” fundada xunto a outros exiliados.

"Após dous anos na fronte e  unha estancia no campo de concentración de Argelès , chega a México en Xuño de 1939 integrándose no Partido Galeguista, na Alianza Nazonal Galega, en representación do anterior, no Padroado de Cultura Galega" 

O noso Caridad Mateo é un mundo. Achegouse ao nacionalismo no faladoiro que Mari Luz Morales argallara na súa casa Barcelonesa, afiliase ao Partido Galeguista en 1931, participa xa como un dirixente publico do mesmo no período republicano, sendo xa en 1936 Conselleiro Nacional do Partido e Presidente do grupo de Cambre. Após dous anos na fronte e  unha estancia no campo de concentración de Argelès , chega a México en Xuño de 1939 integrándose no Partido Galeguista, na Alianza Nazonal Galega, en representación do anterior, no Padroado de Cultura Galega e colaborando nos seus órganos de prensa, isto é Saudade, Opinión Galega ou Vieiros.

Galiza seguía a ser unha obra por facer, doente por falta mans, corazóns e cabezas e así, no despacho de Luís Soto, aquel vello comunista xa fora do PC por galego, fundase en Novembro de 1964 a delegación mexicana da UPG. O cineasta de Cartelle Carlos Velo, o profesor de Dereito na UNAM, antigo concelleiro do PG en Compostela e membro do Comité Executivo deste Partido, Xoán López Durá, a filla de Xoán Vicente Viqueira e secretaria da Embaixada de Polonia, Luísa Viqueira Landa, o presidente do Padroado de Cultura Galega e sobriño de Porteiro Garea, Luís Porteiro Viñas e Soto e como non Caridad Mateo e aquí seguiu até 1977.

Era Caridad Mateo un dos que nunca deixou de estar con nos, porque precisamos unha busola para non perdernos no camiño, porque é exemplo resistente de comportamento as duras, porque é lealdade nos principios fronte as tentacións de coller o atallo, porque é camiñante no deserto que sabe que non hai travesía longa se as convicións son certas, porque é vitoria do ideal e non ideal da vitoria.

Comentarios