'Os nomes do Terror'

Xosé Álvarez: “Gómez Cantos chega a Pontevedra con ‘carta branca’ para acabar cos fuxidos”

Xosé Álvarez Castro (Pontevedra, 1953) é un dos historiadores de referencia  para o estudo da II República e da represión franquista en Pontevedra. Autor de volumes como Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), achégase a cuarta feira nas páxinas de Nós Diario á figura de Gómez Cantos

photo_camera Xosé Álvarez.

Gómez Cantos non foi unha excepción en Pontevedra, antes e despois del ocuparon o Goberno Civil dous militares como Mateo Torres Bestard e Francisco García Alted cun longo historial represivo ás súas costas, ten isto algunha explicación ou é simple casualidade?

O nomeamento de militares como gobernadores foi algo moi habitual nos primeiros anos do franquismo, hai estudos que calculan en taxas achegadas ao 50% a porcentaxe de militares gobernadores civís; é unha tónica xeral coherente co pensamento militarista, que concibe o exército como o garante da orde fronte ao inimigo interior. Neste caso, ademais, eran destacados falanxistas como Torres Bestard e García Alted. A condición de significados represores nas súas localidades de orixe ou a de proceder da Garda Civil, caso de Alted ou Gómez Cantos, pode estar relacionada con circunstancias como o pasado conflitivo da provincia ou o elevado número de fuxidos, que cometían actos de resistencia contra o réxime. Nesa liña está o encargo que ten Gómez Cantos de acabar co problema que supoñía a existencia destes grupos para o que lle proporcionan “carta branca”.

Cando Gómez Cantos chegou a Pontevedra en 1939 xa se gañara o alcume de “carniceiro de Estremadura”, que nos pode contar da súa actuación nos momentos posteriores ao golpe de Estado de 1936?

Efectivamente, Gómez Cantos viña precedido dunha merecida sona de home duro. A súa actuación como promotor do golpe en Estremadura e a represión subseguinte, está repleta de prácticas como execucións en masa, aplicación da chamada “lei de fugas”, operacións “de limpeza, en suma unha política de exterminio de desafectos dos que se garda memoria en localidades como Villanueva de la Serena ou tamén na localidade malagueña de Marbella na que levou a cabo unha feroz vinganza contra aqueles que o rexeitaran durante a súa estadía nos anos da República.

Pontevedra semella un intermedio na traxectoria de Gómez Cantos, que destacaría dos seus cinco meses ao fronte do Goberno Civil de Pontevedra?

Sorprendentemente a súa actuación foi totalmente contraria a que tivera anteriormente e á que tería con posterioridade. Dende a primeira medida, que foi liberar os presos gobernativos, e soster negociacións con representantes dos fuxidos até a realización dunha política de “xustiza social” con medidas,máis espectaculares que efectivas, contra a especulación, o estraperlo, o desemprego ou a construción de vivendas. Era unha actuación de xeito paternalista -foi chamado “papá Manuel”-, apoiada no uso propagandístico dos xornais, con culto á personalidade e actuacións despóticas no seu enfrontamento con numerosos sectores da poboación: comerciantes, armadores, patronal, certos políticos da vella dereita convertidos en colaboracionistas e outros, que sufriron numerosas sancións e desterros.

Podemos dicir entón que a táctica de buscar acordos cos perseguidos políticos resultou eficaz para restar bases de apoio á oposición democrática?

É unha cuestión controvertida que xera opinións contrapostas. Moitos dos opositores acolléronse á súa oferta de perdón e trato xusto e outros sempre consideraron que era unha artimaña para prendelos. Parece fóra de dúbida que serviu para que un número elevado de fuxidos e entobados atoparan unha saída á súa situación e isto explica o apreciábel número de acollidos ao seu chamamento; isto significou restar posibles integrantes ás organizacións de resistencia. Porén un número significativo decidirá non acollerse e servirán de núcleo para a guerrilla na zona.

Foi marchar de Pontevedra e volver as andadas, nesta ocasión na loita contra a guerrilla, que nos pode contar da súa responsabilidade na masacre de Alia e doutros episodios represivos en Estremadura e Andalucía nos anos 40?

Sería longo o relato das súas andanzas á fronte da loita antiguerrilleira nesas zonas. Prodúcese un regreso a métodos da súa anterior etapa cunha actuación caracterizada polo emprego dunha política de implantación do terror entre as poboacións para evitar que prestaran apoio á resistencia guerrilleira. En varias localidades como Logrosán ou Alía efectúa fusilamentos masivos de persoas con antecedentes de esquerdas. Nesta última poboación, en agosto de 1942, ordena a execución dun número, próximo á trintena, de veciños e veciñas elixidos ao azar. Na súa última actuación, en Mesas de Ibor, chega a fusilar sen xuízo a tres gardas civís por unha pretendida “covardía diante do inimigo”.

Os nomes do Terror

O 3 de novembro principiou unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal de terzas a sextas feiras ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 34 traballos de 23 autores sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror vén ser continuación dun volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza S.A. en 2017 e, como daquela, tenta deitar luz sobre un período da historia aínda hoxe incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios