Xoana Pintos: "A facultade de Ciencias da USC foi a máis feminizada"

A doutora en Bioloxía da USC Xoana Pintos impartiu esta terza feira a conferencia 'Científicas, invisibilidade e represión franquista' na xornada 'Ciencia e Memoria Histórica Democrática' na facultade de Física da USC. Con tal motivo, Nós Diario conversa coa investigadora sobre o papel das mulleres na universidade durante o século XX.
A investigadora Xoana Pintos, a terza feira nas xornadas na USC. (Foto: Arxina)
photo_camera A investigadora Xoana Pintos, a terza feira nas xornadas na USC. (Foto: Arxina)

—Que dificultades tiñan as mulleres da Galiza do século pasado para poder desenvolver a actividade investigadora?

Os problemas principais que se atoparon as mulleres nos inicios do século XX foron romper todas as barreiras e obstáculos que se lles puxeran até ese momento, que non eran poucos. Exixíaselles máis que aos seus compañeiros, algo que aínda acontece hoxe, os profesores púñanllo máis difícil, e incluso tiñan que romper tabús sociais e familiares. Por exemplo, se unha licenciada en Medicina  quería facer determinada especialidade, ou non llo permitían ou lle recomendaban "encarecidamente" que fixese especialidades máis acordes coa súa condición feminina como poderían ser xinecoloxía, pediatría ou obstetricia.

—Que significa a promulgación da Real Orde de marzo de 1910 para as mulleres estudantes?

Supuxo un paso fantástico e definitivo, pois desde ese momento oficialmente pasan as mulleres a poder matricularse. Antes tiñan que pedir unha serie de permisos ás autoridades académicas e administrativas que eran moi longos e pesados e que incluso podían demorar anos, mais con esa orde pasan a poder facer os trámites burocráticos de modo tan doado como calquera compañeiro.

Ademais, outro paso significativo dáse en setembro do mesmo ano, cunha orde que permitiu que unha vez que xa estaban licenciadas puideran exercer, pois tamén tiñan que realizar solicitudes especiais para poder desenvolver a súa carreira unha vez que eran licenciadas. 

A partir dese momento as mulleres pódense presentar a oposicións, abrir unha farmacia propia ou montar unha clínica de consulta médica de forma independente.

—A USC foi durante a maior parte do século pasado a única universidade da Galiza, como é a evolución das mulleres nesa institución? 

Nos primeiros momentos déronse pasos moi pequenos, empezaron moi poucas, en algunhas carreiras máis que en outras, por exemplo Farmacia inmediatamente abriuse ás mulleres, posibelmente porque estaba considerado un oficio  que concordaba coa idea que se tiña das mulleres. 

Mais por exemplo á Facultade de Medicina custoulle moito a introdución do alumnado feminino, seguramente polo contrario, era vista como unha profesión masculina e que tiña moito prestixio que os homes non estaban dispostos a ceder ás mulleres. Así, as primeiras licenciadas de Medicina datan do ano 1919 e houbo sempre un goteo de tan só dúas ou tres mulleres por xeración. 

A que fixo a progresión máis forte até o ano 1936 foi a Facultade de Ciencias, que chegou incluso a ser a que tiña a maior porcentaxe de alumnado feminino de todos os distritos universitarios do Estado, fundamentalmente porque o profesorado da facultade animaba as alumnas a estudar e  introducíaas nos seus grupos e laboratorios. Despois de 1936 houbo unha caída grave en todas as facultades claramente debida ás ideas do nacional-catolicismo.

Represión franquista das estudantes galegas

A chegada do ideario nacional-católico e da sección feminina do franquismo reprimiu  as mulleres no ámbito universitario, e unha vez máis unha das facultades máis resentidas foi a de Medicina, conta Xoana Pintos. Outras facultades como a de Ciencias conseguiron manter presenza feminina mentres Farmacia continuou a ter moitas mulleres. A situación afecta á poboación feminina que estaba na Universidade e que é obrigada a marchar e a exiliarse dentro ou fóra do Estado, sendo as mulleres "animadas" a abandonar a súa profesión e ser amas de fogar. "Quedaron moi poucas mulleres dedicadas á investigación con esta nova doutrina do ano 39" afirma Pintos. A investigadora destaca que o franquismo non afecta só ás mulleres desprazadas do ámbito universitario de modo directo senón que tamén xera unhas importantes barreiras de entrada a novas mulleres xa que non se lles anima a estudar nin a destacar academicamente.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios