Xoán I, o fillo de Afonso X que restaurou a independencia de Galiza

Xoán I será proclamado rei de Galiza en 1296. Nado en 1262 do matrimonio entre Violante de Aragón e Afonso X, casaría sucesivamente con Margarita de Montferrato e María Díaz de Haro, revolvéndose contra o seu pai nos anos finais do seu reinado. A coroación de Xoán I expresa a vontade dos núcleos reitores da sociedade galega por contar cun reino de seu, arredado de Castela e achegado a Portugal.

Sepulcro de Xoan I.
photo_camera Sepulcro de Xoán I, na catedral de Burgos.

A anexión de Galiza por Castela non foi un proceso pacífico. O rei galego Afonso VIII, morto en Sarria en 1230 e soterrado no panteón real da Catedral de Compostela, cuxo reinado se caracterizou por un aberto enfrontamento con Castela, sinalou como herdeiras do reino de Galiza as súas fillas primoxénitas dona Dulce e dona Sancha, deixando o trono castelá en mans do seu fillo Fernando, co que non tiña relación, mantendo así a tradicional separación entre as dúas coroas.

Porén o futuro rei santo violentou os dereitos das súas irmás, fillas dunha infanta portuguesa e que representaban a aproximación política a Portugal, a orientación cara unha política atlántica e que gozaban co apoio da nobreza galega e dun emerxente sector mercantil. Serán precisamente estes mesmos sectores sociais que lideraron a oposición ao rei alleo e defenderon a causa das herdeiras lexítimas os que décadas máis tarde promoveron a alternativa ao trono de Xoán I, en tanto garante do mesmo proxecto político.

Biografía

Xoán I será proclamado rei de Galiza en 1296. Nado en 1262 do matrimonio entre Violante de Aragón e Afonso X, casaría sucesivamente con Margarita de Montferrato e María Díaz de Haro, revolvéndose contra o seu pai nos anos finais do seu reinado. Viríase obrigado a refuxiarse a refuxiarse en Catalunya, era neto de Xaime I, participando posteriormente na conquista de Tarifa para iniciar unha fuxida que o levaría a Portugal e a Fez, regresando á península coas tropas benemires, onde acadaría destaque no combate contra Afonso Pérez Guzmán, o Guzmán o Bo da historiografía española. Apoiado pola nobreza galega e o rei Dinis de Portugal, co apoio internacional dos reinos granadinos e cataláns, sobe ao trono de Galiza, certificando a súa separación de Castela e manténdose ao fronte do mesmo até 1301.

Galiza recuperou durante cinco anos a súa total independencia política

Galiza recuperou durante cinco anos a súa total independencia política. Segundo o acordado por Xoán I co seu sobriño Alfonso de la Cerda, os límites do reino galaico correspondíanse co seu territorio na época de Fernando II e Afonso VIII, isto é Galiza e León, ao que se engadiría Sevilla, cuxa vinculación a Galiza é anterior ao século XI. A acción gobernativa do novo monarca veríase condicionada pola conflitividade política no espazo cristián ibérico, sendo constantes as súas acción de armas na área castelá co apoio do rei aragonés e portugués pero tamén as ofensivas ás terras galegas por parte dos exércitos da rexente María de Molina, neta do rei galego Afonso VIII. Sen mediar ningunha vitoria decisiva no plano militar nos bandos en confronto, Xoán I acorda negociar co seu sobriño Fernando IV, garantindo certas reivindicacións da nobreza galega que pola contra non deron por bo o acordo.

A coroación de Xoán I expresa a vontade dos núcleos reitores da sociedade galega por contar cun reino de seu, arredado de Castela e achegado a Portugal. A este respecto é ben significativa a posición da oligarquía galega, exemplificada na actitude de Paio Gómez Chariño e de Fernán Ruiz de Castro, sen dúbida ningunha dos seus representantes máis característicos e poderosos. Así, o almirante e poeta galego Paio Gómez Chariño, señor de Rianxo, foi asasinado na primavera de 1295 polo seu parente Rui Pérez de Tenorio mentres defendía nas terras de Zamora os dereitos do seu monarca. Outro tanto acontece con Fernán Ruiz de Castro, sucesor de Gomez Chariño como adiantado maior de Galiza, quen renuncia aos favores e privilexios ofrecidos por María de Molina, morrendo en 1305 ás portas de Monforte de Lemos mentres loitaba contra as tropas castelás dirixidas polo infante Felipe, enviado pola súa nai a Galiza canda Fernán Rodríguez de Biedma para combater o levantamento.

A renuncia de Xoán I á coroa non puxo fin rebelión galega

A renuncia de Xoán I á coroa non puxo fin rebelión galega. A un lado, o rei Dinis de Portugal, principal patrocinador e apoio da candidatura de Xoán I, que após os acordos de 1300 arrancou importantes melloras de María de Molina, entre elas o matrimonio da súa filla co herdeiro Fernando IV, continuou insistindo na conformación dun reino galego arredado de Castela e achegado a Portugal. Ao outro, a nobreza galega, encabezada por Fernán Ruiz de Castro que mantén a loita até a súa morte, chegando a facer prisioneiro durante un longo tempo ao infante Filipe no castelo de Vilalba. Os obxectivos políticos desta revolta, segundo recolle a Crónica do rei Fernando IV, non eran outros que lle dese a Don Xoán “todo o reinado de Galiza, do que se chamaba rei e de que alí en diante se transferise aos seus herdeiros”. Don Xoán morrería en 1319 na Veiga de Granada sen ningún tipo de vencello con Galiza, porén os herdeiros de Fernán Ruiz de Castro, concretamente un neto do seu mesmo nome, encabezaría nas décadas seguintes unha rebelión galega coa mesma intencionalidade.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios