Coordinador do coleccionábel 'Os nomes do terror'

Xoán Carlos Garrido: "Aquí ninguén pediu perdón porque estarían dispostos a repetilo"

Xoán Carlos Garrido (A Estrada, 1965) é un dos coordinadores do colecciónábel Os nomes de terror que a partir de mañá, 3 de novembro, se distribúe de forma conxunta co Nós Diario. Filósofo, ensaísta e autor de diversos traballos sobre a represión, mestura a súa actividade investigadora co activismo social no ámbito da memoria.

Xoán Carlos Garrido
photo_camera Xoán Carlos Garrido

Os nomes do terror, o coleccionábel

Mañá, 3 de novembro, sae á rúa unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal de terzas a sextas feiras ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 34 traballos de 23 autores sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror vén ser continuación dun volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza S.A. en 2017 e, como daquela, tenta deitar luz sobre un período da historia aínda hoxe incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

A investigación achega a información sobre o operativo do terror en diversas comarcas e localidades galegas, pondo o foco naqueles actores que até agora teñen merecido menor atención nos estudos sobre a memoria e reparando na lóxica do conglomerado represor organizado polo réxime franquista. Ao longo do coleccionábel aparecen aqueles nomes que teñen ficado no imaxinario popular asociados ao terror fascista pero, sobre todo, os actores que o teñen feito posíbel, comezando polos militares e continuando polo poder económico, a xerarquía eclesiástica ou a militancia falanxista e doutros grupos da dereita.

Por que insistir en sacar a luz o nome dos vitimarios despois de tanto tempo?

Habería que preguntarse por que non se ten feito antes. Non é normal que coñezamos tampouco sobre un feito tan determinante do noso pasado e que condiciona tanto o noso presente. A explicación é que desde o poder, entendido este en sentido amplo, tratou de evitarse a toda costa que se soubese isto para dar a impresión de que o novo réxime que se pretendía lexitimar nada tiña que ver co pasado do que era froito e presentalo como emanación “ex nihilo” da vontade popular. Pero habería que falar de “desmemoriadores” no sentido de Benedetti. Porque a política de desmemoria foi moi activa, non se limitou ao desleixo, falla de investimentos ou descoido a hora de investigar. Houbo intención de borrar o rastro do acontecido e perseguir a quen tentara pescudar e divulgar estes feitos. Se até a Transición, desde 1936, era común citar nomes de represores nas publicacións clandestinas e do exilio, é a partir desta que desaparece calquera alusión na maioría das forzas que buscaban “adaptarse” á nova situación. Mais o famoso pacto de silencio non só abrangueu aos vitimarios senón tamén as vítimas. Contribuíndo así ao trunfo do negacionismo.

A maquinaria de exterminio foi institucionalizándose e perfeccionándose durante décadas até os últimos anos do franquismo

Porque a política de “borrón y cuenta nueva”, que defendía a esquerda española xa desde o 46, non significaba amnesia, nin sequera lagoas de memoria, porque cada espazo do pasado que eles deixaban baleiros inmediatamente era ocupado polo relato franquista. Ou é que alguén se cre que é posible ter identidade sen pasado. Novoneyra afirmaba “somos pasado”. É certo, non é posíbel definirse a un mesmo partindo da ausencia dun historial que nos explique. Así que a idea que quedou no sitio para encher o burato dese período foi que non houbo asasinados e, xa que logo, non houbo asasinos. En calquera caso houbo unha guerra, e nas guerras como no amor, xa se sabe o que nos di o aforismo terríbel tan español: vale todo.

Céntranse nesta publicación nos represores dos primeiros tempos do franquismo, na súa practica totalidade todos mortos, non cree que chegou a hora de sacar á luz os nomes dos vitimarios da última etapa da ditadura?

A maquinaria de exterminio foi institucionalizándose e perfeccionándose durante décadas até os últimos anos do franquismo. E, desde logo, esta non parou coa morte de Franco como non pararon moitas outras prácticas criminais. Véxase o escándalo dos bebés roubados. Escándalo en calquera país do mundo menos aquí. Na Arxentina falan de preto de 500 e efectivamente é un escándalo que ten conmocionado a esa sociedade. Pero aquí as asociacións cifran en 300.000 o tráfico de nenos e falan de que seguiu funcionando este até 1990, pero isto non provoca ningún balbordo. Habería que preguntarse a que se debe isto?

Investigar aos vitimarios até agora era, efectivamente, unha empresa de risco. Mais o que dicirmos é que agora está a converterse nun afán imposíbel

No estudo dos represores queda moito por facer e deberiamos entrar máis en detalle nas diferentes etapas e nos distintos sectores e modalidades represivas, mais neste período inicial quedan en evidencia os grandes trazos, os vectores principais que terán continuidade até o tardofranquismo e mesmo con posterioridade. O curioso é que resulta máis doado investigar e acceder a arquivos sobre ese período que sobre os sucesos máis recentes. Véxase o caso do asasinato de Moncho Reboiras, o acceso á súa causa e aos informes policiais, ou mesmo o do fusilamento de Baena no 75.  O relato estarrecedor de Flor Baena, a súa irmá, de como foron os días e meses posteriores ao asasinato de Humberto, deixan en evidencia unha trama xurídico-policial empregada a fondo para desfacerse de calquera proba sobre as diferentes responsabilidades na súa execución e mesmo de calquera vestixio do paso polo mundo deste mozo, ao entrar no seu domicilio e prenderlle lume a todo, mesmo cartas, poesías...

Afirman que é fundamental deixar de baixar a vista fronte aos vencedores hai que mirarlles á cara os verdugos, cal é o obxectivo disto?

Os verdugos seguen a mirarnos a nós con desprezo desde os símbolos que permanecen intactos da súa fazaña, sexa monumentos, nomes de rúas ou fachadas das igrexas. É falso que foran retirados. A rúa principal do meu pobo segue dedicada a Calvo Sotelo. O PSOE negouse a mudar o nome no seu día incumprindo a súa propia lei e o PP xa nin o toma en consideración. Este símbolo e coartada principal do golpe do Estado contra o goberno lexítimo convive cun Capitán Bernal, que segue no rótulo doutra rúa importante que neste caso si que se viron na obriga de formalmente aprobar a súa retirada, non por ser un criminal, senón porque se achegou pola nosa parte a referencia de que ordenou incendiar á Estrada se non se rendía, algo non asumíbel por ningún Goberno local como motivo para merecer recoñecemento. Aínda así néganse a retirar as placas e poñer outras novas co cal segue na práctica funcionando como tal nome de rúa. Isto é posíbel porque non se arrepinten do que fixeron. É máis, están orgullosos. Creo que debemos ser dos poucos países do mundo que saíron dunha situación como esta e na que non se dá a figura do arrepentido. Fálase de que hai que perdoar, pero aquí ninguén pediu perdón. E non o pediron porque estarían dispostos a repetilo. E iso é porque non se lle sacan convenientemente as vergoñas do que fixeron. Ao contrario, evítase o confronto, tentamos non molestar, temos medo a danar colateralmente aos seus parentes, en definitiva creouse unha cultura de que é de mal gusto falar dos asasinos. Nós pensamos que é preciso dicir a verdade aínda que doia, apuntar co dedo aínda que sexa de mala educación e despois, se piden perdón, entón xa se verá. Pero aínda non chegamos a ese momento.

A investigación dos vitimarios tense amosado até agora como unha tarefa complicada e mesmo de risco, cree que o anteproxecto da nova lei da memoria abre novas portas á investigación?

Que a censura e a autocensura funcionou de marabilla é evidente. Claro que houbo represión a quen quixera divulgar nomes de represores. Poderiamos citar casos desde os máis coñecidos como o secuestro de publicacións, caso de Interviu ou prohibición de películas como El Rocío, a outros que poidan parecer de menor relevancia como unha páxina web. Os caso de Francisco Carballo ou Dionisio Pereira, no 81 e no 2007, claro que tiveron un impacto na Galiza como aviso a navegantes no seu momento para persuadir a imitadores. Investigar aos vitimarios até agora era, efectivamente, unha empresa de risco. Mais o que dicirmos é que agora está a converterse nun afán imposíbel. Que a centralización en Salamanca dalgunha documentación non pode tapar o feito de que existen cada vez máis atrancos para consulta e divulgación de arquivos. Exhíbese un deses depósitos de xeito sobreactuado cando no resto, no que está a documentación fundamental para o estudo dos protagonistas dos abusos, sobre todo dos últimos anos do franquismo, resultan inaccesíbeis pola aplicación que se fai da lexislación de transparencia ou protección de datos, así como as propias normas que regulan o funcionamento de cada un destes arquivos. Por poñer un exemplo, hai anos era posíbel consultar as fichas de afiliación á Falanxe na provincia de Pontevedra depositada  nos fondos da Real Academia Galega.  Hoxe é imposíbel sen contar coa autorización dos parentes das persoas que aparecen aí. O caso é que está a darse o mesmo tratamento aos documentos do réxime totalitario, suxeito as mesmas garantías de protección, que os que existe para un Estado de Dereito. Eu son partidario de ilegalizar o franquismo, entre outras cousas, para que non sexan de aplicación esas restricións e que se poña por enriba de todo o dereito a saber, a liberdade de investigar e, en definitiva, a verdade como dereito humano fundamental.

As asociacións cifran en 300.000 os nenos roubados e falan de que o tráfico seguiu funcionando até 1990

Que quere dicir entón cando afirman que o anteproxecto da nova Lei da Memoria tenta trasladar  anacronicamente a xustificación do programa partidista do lexislador actual propoñendo como a causa pola que loitaron os caídos á súa Constitución Española?

É unha cuestión de dereitos humanos. Hoxe está consolidado no mundo todo un corpus teórico sobre como enfrontar situacións como o franquismo e que se resumen en estes catro eixos: verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. No preámbulo do anteproxecto cítanse, como non podía ser doutro xeito, pero cando pasamos ao contido non se cumpre ningún. No caso da reparación interprétase dun xeito privado, cando o sentido que ten esta é a de repoñer ou compensar tamén colectivamente ao grupo ideolóxico que foi represaliado pola súa ideoloxía. Poida que discrepemos dalgunhas cousas da República, pero non podemos negar que a causa pola que se desatou a represión foi o derrube dese réxime e, xa que logo, reparar consistiría, entre outras cousas lembrar a súa lexitimidade e deixar en evidencia o ilegal e rexeitábel que foi erguerse en armas contra el. As conmemoracións, como nos fixo ver Walter Benjamin ou Castelao, son para tratar de repetir o pasado, mais desta volta, rectificando erros, para evitar o mesmo fracaso no que se caeu no seu momento. Aquí non se fai iso. Ponse como día da memoria a que para moitos foi o día do esquecemento, a aprobación da Constitución. Hai valores fundamentais do réxime republicano, como foi a ilexitimidade dun poder non referendado polo pobo, a monarquía, ou o laicismo, que se obvian.

En cambio ponse o acento nas excelencias do réxime do 78 como se fose este o que precisa ser reparado. A verdade é que toda esta lei está feita á defensiva. Parecen bunkerizados nunha serie de aspectos esenciais que pretenden salvar: lei de amnistía, monarquía ou estrutura unitaria do Estado cando a filosofía desta e de calquera lei debera ser precisamente partir dos dereitos dos dereitos fundamentais, e despois lexislar o que sexa sempre que dentro deses límites. É unha lei a defensiva porque quedaron totalmente desprestixiados polas medallas a torturadores, a ilegalización da fundación Franco que aprobou o Parlamento Europeo, a derrogación da lei de amnistía do 77 que esixe o relator de dereitos humanos da ONU no seu informe, a  Querela Arxentina que xulga a quen no Estado é intocábel ou as todas as declaracións de dereitos a nivel internacional, desde a referida as desaparicións forzosas até a imprescritibilidade dos delitos de lesa humanidade. Vense na obriga a este lavado de cara e seguramente se logre algún pequeno avance nalgúns aspectos secundarios mentres non se toque ao principal: O Franquismo é o marco xurídico lexítimo sobre o que se sostén o actual. Pode tocarse ao primeiro sempre que non se esfarele o segundo. É unha contradición querer presentar a Constitución como algo substancialmente independente do Franquismo ao mesmo tempo que se pretende preservar a súa continuidade xurídica. Seguramente Franco non tería moito problema en firmar esta constitución como fixo Pinochet coa que vén agora de ser cuestionada. Unha constitución que naqueles aspectos positivos de defensa de dereitos fundamentais xa estaban recollidos no “Fuero de los españoles” de 1945.

Mentres non se remate coa impunidade, non se ilegalice o franquismo e  se derrogue a lei de amnistía, non podemos estar satisfeitos con ningunha lei por moi da memoria que se denomine

Mais aínda que recoñezamos melloras cuantitativas a respecto da devandita lei fundamental do franquismo no que se refire a dereitos e liberdades, ambas as dúas teñen en común o que xa na primeira viña redactada do seguinte xeito: “ O exercicio destes dereitos non poderá atentar contra a unidade espiritual, nacional e social de España” Isto é, como queda dito, non se fundamenta a lexislación positiva sobre a base do respecto escrupuloso dos dereitos humanos, senón incluso estes quedan en suspenso si se sentise ameazado o que para eles é o esencial. Como di o artigo 2 “A Constitución  fundaméntase na indisolúbel unidade da nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois”.  En resume, para os que consideramos primordial que a tortura, a desaparición forzosa ou  o asasinato de alguén polas súas ideas deben ser desterradas definitivamente da nosa terra, a maneira que ten esta lei de enfrontarse con estes feitos pasados non nos deixa acougados a respecto do futuro. Estas manobras de distracción dos que consideran prioritario o seu ideario, a unidade de España, por enriba dos dereitos humanos, non son nada tranquilizadores. Mentres non se remate coa impunidade, non se ilegalice ao franquismo, se derrogue a lei de amnistía, e se poña por diante de xeito efectivo o dereito á verdade, xustiza e reparación, desde o movemento memorialístico e desde calquera sensibilidade autenticamente democrática non podemos estar satisfeitos con ningunha lei por moi da memoria que se denomine.

Comentarios