Xoán Antón, o outro Suárez Picallo

Asasinárono un 12 de Agosto de 1936 cando aínda non cumprirá os trinta anos. O seu irmán de militancia no Partido Galeguista Xil González Mosquera, Secretario do Xulgado de Sada, suicidaríase tras recoñecer o cadáver.

Xoán Antón Suárez Picallo
photo_camera Xoán Antón Suárez Picallo

Asasinárono un 12 de Agosto de 1936 cando aínda non cumprirá os trinta anos. O seu irmán de militancia no Partido Galeguista Xil González Mosquera, Secretario do Xulgado de Sada, suicidaríase tras recoñecer o cadáver.  Após dirixir a resistencia contra os sublevados en Sada e confrontarse cuns Falanxistas de Betanzos agochouse  en Meirás, canda  Manuel Prego, Antonio Carballeira, Xosé Mosquera e Gumersindo Montero. Refuxiado posteriormente cos tres primeiros nun piso da Agra de Orzán é delatado tras acudir ao Hospital a visitar a súa madriña.

"O seu irmán de militancia no Partido Galeguista Xil González Mosquera, Secretario do Xulgado de Sada, suicidaríase tras recoñecer o cadáver".

O seu cadáver, como deixou escrito o seu irmán Ramón no xornal chileno “La Hora “ "apareció asesinado, con cinco vecinos más, también jóvenes y campesinos, en un monte de propiedad de sus padres. Poco después, murió de pena su padre, y luego, la madre…”. Aquel pai que morreu de pena chamábase  Eduardo Suárez Fernández, o ‘Zoqueiro de Veloi’, mariñeiro, labrego e emigrante, aquela nai que pouco máis agardou, respondía ao nome de Teresa Picallo Martínez, once fillos e fillas en vinte e tres anos, o primeiro de nome Ramón o sétimo Xoán Antón. A súa foi unha xinea de rebeldes, uns emigrantes que poboaron América de Norte ao Sur, outros revolucionarios, iso si cada un protestou a súa maneira, falamos dos Suárez Picallo.

Xoán Antón Suárez Picallo, “O Picalliño” para toda a Galiza nacionalista dos anos trinta foi un militante precoz. Nado en 1907 en Veloi (Sada), compaxinou escola con traballos na terra e no mar, aparecendo xa organizado no nacionalismo naquel sexenio de pedra que foi a Ditadura de Primo de Rivera. Así en 1926 cando o seu irmán Ramón visita por primeira vez Galiza após a súa experiencia migratoria testemuña nun artigo en Celtiga que “Unha das cousas que máis me encheu de ledicia o meu esprito ao chegar a miña vila natal, a Sada dos meus amores, foi saber que n’ela habia unha xuntanza nazonalista de rapaces cuásique todos menores de 20 anos. E ainda mais, cando soupen que un hirman meu, que tiña dous anos cando deixei o fogar paterno, formaba parte d’ela.” A entidade denominábase “Mareiras: Xuntanza Nazonalista dos rapaces mariñeiros de Sada” e organizábase atendendo á mística feniana, daquela Irlanda en pé, que tanto motivou e influíu na mocidade nacionalista, a comezar pola “Mocidade Céltiga” de Madrid dirixida por Fermín Penzol ou a súa homónima de Compostela nucleada arredor de Manuel Beiras. O grupo de Sada que tiña como orientador ao estudante de Medicina Manuel Freire Calvelo, marcábase como obxectivos “Defender a nosa terra e a nosa fala contra os seus nemigos de fora e dentro dela, ainda que para elo haixa que espoñer a vida; conquerir para causa da liberdade de Galicia a tódolos rapaces da veiramar, tratándoos como irmáns benqueridos; falar en galego, cantar en galego, pensar en galego dentro e fora das xuntanzas e  facerlle a guerra a quen así non o faga”. A organización que contou con grupo de música e de teatro, adoptara como simboloxía unha bandeira galega coa fouce e o remo atravesado xunto coa estrela e desenvolveu diversas actividades culturais, como unha charla con Antón Vilar Ponte nese mesmo 1926 quen lle regalaría a Xoán Antón a obra de teatro “O Mariscal” que en palabras do de Veloi marcaríao para toda a vida.

"Once fillos e fillas en vinte e tres anos, o primeiro de nome Ramón o sétimo Xoán Antón. A súa foi unha xinea de rebeldes, uns emigrantes que poboaron América de Norte ao Sur, outros revolucionarios, iso si cada un protestou a súa maneira, falamos dos Suárez Picallo".

Os anos da II República foron de non parar para “O Picalliño”. Comeza por libre os estudos de Maxisterio e de Filosofía e Letras, traballa como labrego e mariñeiro, milita desde o primeiro momento no Partido Galeguista, destaca como dirixente sindical, participa da Misión Biolóxica, dinamiza a actividade cultural en Sada, colabora en “A Nosa Terra” e “El Pueblo Gallego” e exerce de Secretario Xeral do xermolo da Fronte Popular da localidade. Na súa condición de militante nacionalista participa na creación primeiro na Delegación do Partido Galeguista e despois do seu Grupo Local en 1935, se ben xa formaba parte do seu Consello Nacional desde 1933 como responsábel de asuntos pesqueiros.

O peso da campaña do Estatuto recaerá na Comarca das Mariñas, como na practica totalidade de Galiza, na organización do Partido Galeguista destacando como orador na zona e dedicándolle o seu derradeiro artigo de prensa ao tema. “Coa Autonomía, Galicia será dona dos seus destinos, e resolverá pol-o tanto os probremas e necesidades que hoxe nos teñen convertidos n-unha colonia de Madrid con senso i-emoción netamente galegos e humáns.”. Na súa condición de  Delegado da Misión Biolóxica de Galiza na Comarca das Mariñas  crea unha granxa experimental en Veloi , na que planta sementes melloradas que logo distribúe entre os labregos, granxa que desaparece co Bienio Negro. A altura de Xullo de 1935 vai xurdir o Ateneo de Cultura e Política e Social baixo a súa dirección, entidade cultural que servirá de palestra a Placido Castro ou a Ramón Otero que chega a definir a Xoán Antón coma “símbolo dunha Galicia nova cada vez máis próxima”. O seu compromiso sindical como Secretario do Sindicato de Oficios Varios da CNT vai estar presente tanto na acción como na pluma e así crítica a política de austeridade e recortes dos gobernos republicanos defendendo o papel do sector público para combater o desemprego “Puede asegurarse que más del 50 por 100 de los obreros, están en paro forzoso, y sus hogares carecen de lo más indispensable para ir tirando. Ante esta situación, creemos que las autoridades en unión de las demás fuerzas de la villa, deben dirigirse a los poderes públicos solicitando que se abran algunas obras donde hallen ocupación los sin trabajo”.

"Non lle faltaba razón ao seu irmán Ramón cando en carta a Piñeiro a mediados da década dos 50 lle recriminaba a loita desaforada do “Grupo de Galaxia” por silenciar a historia do nacionalismo anterior a 1936" 

A súa é unha historia máis pero non é unha historia calquera. Restaurando a memoria de Xoán Antón Suárez Picallo estamos diante de algo máis que dun exercicio moral, a xustiza histórica cun dos nosos, que xa tería a súa importancia, enfrontamos no fondo a descubrirnos como parte dun movemento que vai máis alá porque ven de máis atrás que a nosa propia biografía. Non lle faltaba razón ao seu irmán Ramón cando en carta a Piñeiro a mediados da década dos 50 lle recriminaba a loita desaforada do “Grupo de Galaxia” por silenciar a historia do nacionalismo anterior a 1936 xa que “non é posíbel a galeguización da nosa patria se non lle achegamos aos nosos compatriotas as ensinanzas dos que nos antecederon na loita". As atinadas prevencións do de Sada semellan case premonitorias posto que o descoñecemento é sempre camiño aberto para o desprezo, máis aínda nunha realidade como a nosa, onde o patrimonio ideolóxico do nacionalismo de preguerra, foinos nuns casos negado polos que tiñan que transmitilo, noutros manipulado por supostos eruditos que se achegan a eles desde unha perspectiva academicista e por suposto deformado, posto que alí estaban as trabes para artellar un movemento político como o que representa o nacionalismo galego.
  

Comentarios