A Xeración das Irmandades, Medalla do Parlamento da Galiza 2021

A Mesa da Cámara acordou a concesión da súa máxima distinción, coincidindo co primeiro centenario da Xeración Nós e  como recoñecemento ao compromiso galeguista deste grupo.
Medalla do Parlamento de Galiza
photo_camera Medalla do Parlamento da Galiza

A Mesa do Parlamento da Galiza acordou por unanimidade conceder a Medalla do Parlamento ao conxunto da Xeración das Irmandades “e os seus discípulos”. O galardón, sinalan nun comunicado, “recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración das Irmandades, coincidindo co seu primeiro centenario”. 

O 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista Nós, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, ata a súa desaparición en 1936.

“A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galiza territorial e na emigración”

Personalidades como Xavier Prado “Lameiro”, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, ao igual que todas as figuras –preto de 200- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da  revista. 

“A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galiza territorial e na emigración”, sinala o acordo adoptado pola Mesa da Cámara.

“O vixente Estatuto de Autonomía de Galiza, promulgado o 6 de abril de 1981, é herdeiro e continuador do truncado Estatuto de 1936, froito do esforzo e o compromiso galeguista inzado pola Xeración Nós”, conclúen.

Catro fundacións activas

Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez e Fundación Vicente Risco

Comentarios