Os nomes do terror

Xabier Moure:“A represión nos Ancares foi máis alá do documentado até agora”

Xabier Moure Salgado(Ourense, 1960) é un recoñecido estudoso do patrimonio e da historia da comarca dos Ancares. Coñecido polas súas como promotor do colectivo Patrimonio dos Ancares conversamos con el arredor da súa investigación sobre os vitimarios nesta comarca que se publica no coleccionábel Os nomes do terror. 

Xabier Moure
photo_camera Xabier Moure

Vítimas e verdugos. O  caso da comarca dos Ancares é o título do traballo de Xabier Moure que publicamos en Nós Diario dentro do coleccionábel Os nomes do terror,  que sabemos dos termos e do alcance da represión na comarca?

A represión foi máis alá do documentado, a transmisión oral multiplica por dous os asasinatos, e máis que triplica as detencións, ameazas e acosos, non só contra persoas relacionadas directamente cos “roxos”, senón contra aquelas que non facilitaban información, simplemente, porque a descoñecían.

A maiores dos demócratas asasinados polos fascistas na comarca dos Ancares hai un número importante de veciños da zona mortos nos campos de concentración nazis, que nos pode comentar ao respecto?

Na comarca dos Ancares, case todos os asasinados no campo de Mauthausen-Gusen eran de Cervantes, da zona máis montañosa do concello, de onde eran tamén boa parte dos represaliados e represaliadas, onde a actividade guerrilleira foi bastante  activa.

Refírese no seu artigo á represión sexuada e mesmo documenta un caso de violación a mans de falanxistas da zona, até que punto os abusos sexuais contra as mulleres foron habituais no repertorio represivo dos franquistas?

O caso da moza de Cervantes, perfectamente documentado, non foi o único. Na comarca producíronse diversos abusos públicos contra mulleres, como o caso dunha muller que foi exhibida en roupa interior polos falanxistas na feira de Becerreá. Nas parroquias do Pando e San Tomé de Cancelada (Cervantes), Ouselle (Becerreá), Neira de Rei (Baralla), ou A Ribeira (Navia de Suarna) os falanxistas violaron a varias mulleres 

Falar dos vitimarios nos Ancares obriga a referirse á familia Rosón, cuxa actuación no aparello represivo xa fora denunciado pola revista Interviu nun número secuestrado en 1978, que sabemos da súa participación real no conglomerado do terror?

A participación activa de Pascual Rosón, cando era Secretario do Concello de Cervantes, como achegamos no artigo, non deixa lugar a dúbidas. A dos demais integrantes, ao menos documentalmente, é bastante difusa, se ben Antonio Rosón, nos primeiros días do golpe xa era un claro referente falanxista tal como nolo amosa a súa declaración contra o brigada da Garda Civil de Becerreá pola súa suposta pasividade cando a manifestación republicana do 19 de xullo.

Destaca na súa investigación as diverxencias entre a Garda Civil e a Falanxe en diversos concellos dos Áncares, cal foi o motivo das mesmas e como influíu na lóxica represiva?

Ao menos nos concellos de Becerreá e Cervantes, desde o primeiro día do levantamento militar, os falanxistas quixeron usurpar funcións propias da Garda Civil o que, evidentemente, non agradou a estes últimos. Mesmo, cando a busca do demócrata Antonio Becerra Chao, de Vilaicente (As Nogais), e o arresto do seu pai por ocultar onde se agochaba, a Garda Civil, tal como nolo relatou un seu parente, negouse repetidamente a facer dúo cos falanxistas

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios