'Os nomes do terror'

Xabier Buxeiro: “A dirección das matanzas estivo en mans dos militares sublevados”

Xabier Buxeiro Alonso (Ribadeo,1990) é autor de Vítimas e verdugos. O golpe de Estado en Ribadeo, un traballo que se distribúe mañá con Nós Diario incluído no coleccionábel Os nomes do terror. Buxeiro, graduado en historia pola USC e membro do grupo Histagra adiántanos algunhas chaves da súa investigación.
Xabier Buxeiro
photo_camera Xabier Buxeiro

Os nomes do terror, o coleccionábel

Hoxe, 3 de novembro, sae á rúa unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal de terzas a sextas feiras ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 34 traballos de 23 autores sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror vén ser continuación dun volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza S.A. en 2017 e, como daquela, tenta deitar luz sobre un período da historia aínda hoxe incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

A investigación achega a información sobre o operativo do terror en diversas comarcas e localidades galegas, pondo o foco naqueles actores que até agora teñen merecido menor atención nos estudos sobre a memoria e reparando na lóxica do conglomerado represor organizado polo réxime franquista. Ao longo do coleccionábel aparecen aqueles nomes que teñen ficado no imaxinario popular asociados ao terror fascista pero, sobre todo, os actores que o teñen feito posíbel, comezando polos militares e continuando polo poder económico, a xerarquía eclesiástica ou a militancia falanxista e doutros grupos da dereita.

Vítimas e verdugos. O golpe de Estado en Ribadeo é  o título do seu traballo para o coleccionábel Os nomes do terror. Cal foi alcance e que significarías da represión en Ribadeo?

Ribadeo tiña en 1936 unha poboación aproximada de 10.000 habitantes. O cómputo realizado polas investigadoras e investigadores de Nomes e Voces cifrou a violencia golpista nun total de 138 vítimas, entre as cales hai que contar 30 persoas mortas.

Os golpistas na Galiza foron tremendamente violentos porque sabían que a sociedade lles era hostil.

Estes datos, a nivel cuantitativo, amosan que a magnitude da violencia golpista no concello de Ribadeo foi bastante elevada, se a comparamos con outros municipios da nosa actual Comunidade Autónoma. As razóns cómpre buscalas no dinamismo político, social e cultural da vila, mais tamén no feito de que en Ribadeo non trunfase a sublevación militar en contra da Segunda República Española. 

Os golpistas na Galiza foron tremendamente violentos porque sabían que a sociedade lles era hostil. En Ribadeo, esa hostilidade era extensíbel, tamén, ás autoridades municipais e ao corpo de carabineiros, que apostaron por permanecer fieis ao goberno legal e organizaron resistencias. Isto, quizais, sexa un dos trazos máis característicos do espazo que analizo. 

Sinalas no seu artigo que os asasinatos cometidos polos fascistas “foron dun resultado dun plan previamente trazado e no que as autoridades sublevadas estiveron claramente implicadas”, en que se basea para esta afirmación?

Eu non son partidario de dicir que os asasinatos fosen cometidos por fascistas, dado que é un termo que adoita aplicarse dun xeito pouco rigoroso nos tempos actuais. En Galiza non había case fascistas, porque tampouco había case falanxistas (e menos en Ribadeo). O que pretendo argumentar é que a dirección das matanzas estivo, sen dúbida, en mans dos militares sublevados. Con isto non quero dicir que non existise implicación de elementos civís, senón que estes careceron dunha acción realmente independente. 

No artigo trato de explicar isto para o caso dos “paseados”. Con todo, podería telo feito para as execucións ou os encarceramentos, o cal, é aínda máis claro. 

A actuación da Falanxe está dirixida polas autoridades militares que toman o poder tras o Golpe

Cómpre ter presente que a maioría das 18.000 vítimas, que están rexistradas en Nomes e Voces, pasaron por un proceso xudicial, que foi incoado en base á xurisdición militar. Calquera que consulte un destes documentos poderá comprobar quen son as persoas que dirixen as actuacións, así como a identidade dos individuos que realizan os testemuños que compoñen os distintos relatos acusatorios. 

Discrepa da tese que asocia os “paseos” a actos realizados por incontrolados e focalizados temporalmente nos primeiros momentos após o golpe de Estado, a que lóxica responderon entón?

Resulta moi complexo dilucidar a lóxica que está detrás dos paseos e explicar porque temos vítimas condenadas a morte, mentres que outras (a maioría) foron asasinadas sen sentenza. 

Polo momento, o que podemos afirmar é que os “paseos” son contemporáneos ás execucións e que teñen lugar após a instalación das novas autoridades nos postos de mando. Non existe baleiro de poder e as mortes non se distribúen de xeito homoxéneo dentro da Galiza. Partindo destes datos, penso que é preciso comezar a pensarmos as cousas doutro xeito.

A carón dos militares, neste caso da Guarda Civil atopamos tamén colaborando coa represión a sectores civís, cal foi o papel das estruturas da Falanxe e das novas autoridades na trama represiva?

As novas autoridades municipais contribuíron á expansión da violencia mediante a acusación nos distintos procesos xudiciais incoados a consecuencia do Golpe. Ao longo das causas que teño estudado a alcaldía emite informes inculpatorios. Estes podían estar asinados polo alcalde ou por un concelleiro que cumprira con esa función ante a ausencia do primeiro. 

A Falanxe realiza as mesmas funcións ca alcaldía dentro das causas militares. Alén disto, os falanxistas realizaban labores de vixilancia, de traslado de presos ou detencións. Todo isto, como xa dixen, baixo a dirección das autoridades militares que toman o poder tras o Golpe. 

Comentarios