Por volta de 400 persoas demandan que San Simón volte a ser a Illa da Memoria

Foino durante o bipartito, en aplicación das políticas de memoria histórica promovidas pola Consellaría de Cultura (BNG). En 2009 o PP deitou por terra todos os esforzos de restitución do pasado ao recuperar o poder e en 2013 botou o fecho á Fundación San Simón. Este domingo, a illa acolleu a homenaxe nacional ás vítimas da ditadura franquista. Participaron arredor de 400 persoas. Moitas delas descendentes de persoas fusiladas ou desaparecidas cuxos restos aínda están en foxas comúns por identificar. 

IMG-20170716-WA0016

A homenaxe nacional organizouna como nestes últimos anos a Iniciativa Galega pola Memoria. Fíxoo como é tradición nas vésperas do 18X, por volta da data do golpe fascista de 1936, a partir do cal se desatou unha vaga de terror que resultou en miles de asasinatos e no desaparecimento de miles de persoas. 

Restaurar a memoria das persoas asasinadas, torturadas, represaliadas e desaparecidas é o propósito deste evento que neste ano 2017 se dedicou expresamente a resgatar do esquecemento os cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron no territorio galego: San Simón, Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo, Celanova…

IMG-20170716-WA0020"En materia de memoria histórica fomos para atrás desde 2009, desde que o PP recuperou o poder na Xunta", denunciou este domingo, en declaracións á Radio Galicia (SER), o portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria, Matías Rodríguez da Torre. Son agora colectivos sociais auto-organizados os que, sen o apoio da administración, realizan traballos de pesquisa histórica para a sociedade galega coñecer os pormenores -tamén os vitimarios- da barbarie [Sobre este asunto dos vitimarios, cumpre lembrar que Sermos Galiza está a piques de tirar do prelo o libro Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron].

Por que a Illa de San Simón?

A Illa é un símbolo da memoria por recuperar e tamén da dignidade dun pobo que, contra o que afirmou durante décadas a historiografía fascista, si opuxo unha grande resistencia aos golpistas. San Simón foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel ficaron confinadas máis de 6.000 persoas en condicións verdadeiramente infra-humanas. Moitas perderon a vida nel.

San SimónEste domingo, as 400 persoas participantes no acto voltaron a reivindicar a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos, á verdade, á xustiza e á reparación. Un paso ineludíbel nesa dirección é a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas.

Illa da MemoriaNo acto demandouse con singular forza a recuperación da denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, outorgada pola Xunta durante o goberno bipartito e que logo o PP materialmente borrou. A declaración tería como propósito tornar este lugar nun espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que se desenvolva un programa anual de actividades centradas nesta temática.

Aínda a unha altura tan recente como o pasado día 7 de xullo, o PP opúxose a declarar San Simón como Illa da Memoria ao votar en contra unha iniciativa do parlamentar do BNG Luís Bará.

Comentarios