A vitoria da veciñanza do Condado contra a celulosa das Neves

Hai 47 anos a loita contra as celulosas no Condado deu un xiro de 180 graos. Centos de veciños procedentes de toda a comarca deixaron claro aos responsábeis de Celulosas de Guipuscoa  a súa negativa a pasteira.

7-min
photo_camera Protesta contra a celulosa das Neves en abril de 1976. (Foto: El Pueblo Gallego).

Celulosas de Guipuscoa foi o grupo empresarial que máis proxectos de pasteiras impulsou na Galiza na década de 1970. A compañía, propiedade diversos empresarios vascos, do Banco de Madrid e do Banco Catalán de Desarrollo, presidíaa o antigo presidente do Instituto Nacional de Industria (INI), Claudio Boada.

A corporación chegou a Galiza a mediados de 1974 coa intención de por en marcha dúas celulosas na provincia da Coruña e outras dúas na de Ourense. No primeiro, caso instalaríanse en Brión e Negreira, e no segundo, no Barco de Valdeorras e na área metropolitana de Ourense.

O rexeitamento aos proxectos non se deixou agardar nas comarcas ourensás. Así, o 2 de febreiro de 1975 desenvolveuse unha manifestación en Ourense contra o proxecto, sinalando La Región “é a primeira vez desde o 36 que se produce en Ourense unha manifestación”.

A manifestación de Ourense

A mobilización de 2 de febreiro de 1975 abriu un longo ciclo de protestas que tivo o seu punto culminante en xaneiro de 1976, cunha manifestación de arredor de 5.000 persoas impulsada polas forzas da oposición democrática.

Un punto quente en todo ese proceso foi O Barco de Valdeorras, que xa en maio de 1975 viviu unha mobilización, que segundo El Pueblo Gallego, “reuniu un crecido número de veciños que cruzando as principais rúa dirixíronse á casa do concello facendo manifestacións de protesta contra a instalación da celulosa na comarca”.

Unha vez fracasados os seus proxectos en Ourense, Celulosas de Guipuzcoa tentou erguer unha factoría no concello das Neves. Nesta xeira, contaba coa apoio da grande maioría dos rexedores da comarca.

A compañía desembarcou na comarca Condado en decembro de 1975 da man da mancomunidade de municipios, presidida polo alcalde de Ponteareas, José Castro, que ofreceu terreos en diversos concellos da zona. A localización finalmente escollida pola empresa foi na parroquia de Liñares, no termo das Neves pero moi próxima a Salvaterra de Miño.

O papel da  ANPG

As protestas non tardaron en facerse presentes. A comezos de xaneiro, a Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG), unha das formacións políticas impulsoras do BNG, inicia unha campaña de axitación e protesta.

A primeira das manifestacións contra o proxecto desenvolveuse en Ponteareas o 7 de xaneiro de 1976. A marcha contou coa participación de militantes nacionalistas chegados de toda Galiza e dun grupo numeroso de persoas das localidades afectadas.

As razóns expostas pola ANPG para rexeitar a celulosa ficaron recollidas nunha folla voandeira distribuída no propio mes de xaneiro. Na mesma, sinálase que a celulosa “supón un escaso número de postos de traballo”, “non aproveita nin potencia a nosa riqueza natural senón ao revés, destrúe a agricultura” e “o mercado da madeira pasa a ser controlada polos grandes monopolios”.

Os meses seguintes sucedéronse as mobilizacións en diversos concellos da comarca, significándose as tres manifestacións desenvolvidas en Ponteareas. Ao tempo, desenvolveuse un proceso de organización dos afectados, que permitiu articular núcleos das Comisións Labregas e da AN-PG

Asemblea nas Neves

O conflito vai vivir un punto e aparte a partir de 8 de abril de 1976. Nesa xornada, técnicos da empresa desprazáronse ao concello das Neves para explicar o proxecto, sendo os seus argumentos rexeitados pola veciñanza que ocupou o salón de actos do colexio e esixiu aos representantes da compañía que abandonaran a localidade.

Malia a forte presenza da Garda Civil que controlou o acceso ao recinto e tentou impedir a presenza de recoñecidos opositores ás celulosas, como o catedrático de Química Analítica da USC, Francisco Bermejo, a opinión popular ficou clara, polo que as autoridades locais botáronse atrás nos seu obxectivos.

O proxecto da pasteira no Condado e o rexeitamento popular explícanse no contexto dunha Galiza que enfrontou e paralizou en diversos puntos do país oito proxectos de celulosas entre 1974 e 1976.

A loita despregada contra as pasteiras non só conseguiu unha Galiza máis sustentábel ecoloxicamente senón que exerceu como unha escola de auténtica democracia para centos de galegos e galegos.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios