O aparato da represión franquista en Mos, O Porriño e Salceda de Caselas

Vitimarios

As máis de 600 vítimas deste territorio sufriron unha represión planificada, sistemática, regulamentada, burocratizada e xerárquica. O caso de Florentina Fernández é significativo e transversal aos tres concellos. Veciña de Mos, sufriu a actuación da Garda Civil e falanxistas do Porriño, da Garda cívica de Mos e de militares que se despregaron na busca de fuxidos. Tras a tortura, a do seu fillo e a queima da casa onde estaba agachado o seu home, deixaron o seu corpo mutilado nunha cuneta de Salceda.
Os paramilitares de Vigo deixaron as terras de Mos e  O Porriño cheas de cadáveres de vigueses. (Foto: Vida Gallega)
photo_camera Os paramilitares de Vigo deixaron as terras de Mos e O Porriño cheas de cadáveres de vigueses. (Foto: Vida Gallega)

O día 20 de xullo de 1936 caeron as primeiras vítimas porriñesas cando volvían das barricadas de Lavadores. Nas curvas de Tameiga a expedición de automóbiles atopouse de fronte con outra formada por soldados de Artillería de Pontevedra. Houbo varias mulleres feridas de bala e dous homes foron fusilados in situ sen máis contemplacións.

Mandaba o grupo militar o capitán Jack Caruncho. Nos próximos días seguintes, faleceron ou resultaron feridos outros homes de Salceda de Caselas e O Porriño, que participaron na pequena batalla do Cerquido, a posición avanzada que pretendía salvar Tui. Dirixiron as forzas que causaron as súas mortes o tenente coronel Durán Salgado, o comandante Ceano, o capitán Carreró e o capitán Rodríguez. O 26 de xullo entraban os sublevados en Tui e este capitán, Eduardo Rodríguez González, foi nomeado comandante militar interino da praza con xurisdición nos concellos da Louriña e nos do Baixo Miño.

Foi o responsable das estruturas da represión que se crearon segundo o plan deseñado polo xeneral Mola baixo o concepto da xerarquía que poñía na cimeira ao estamento militar. Entre os seus “méritos” destacados están o encarceramento dos líderes políticos, sindicais e agrarios da zona; a suspensión de emprego e soldo do maxisterio, a imposición de multas de cariz ideolóxico, as sanguinarias operacións de limpeza nos montes da contorna (con especial colaboración do tenente de carabineiros Buhigas) e a durísima maquinaria dos consellos de guerra tudenses que actuaron durante uns meses até que as causas pasaron a dirimirse en Vigo.

Dos tres concellos que nos ocupan foron condenados a pena de morte e executados 16 veciños e máis de 50 sufriron condenas de prisión que en tres casos resultaron ser tamén mortais. Ademais debemos sumar o falecemento da nena porriñesa Eufrasia Silva Acuña, de tres anos, que estaba coa súa nai presa en Saturrarán.  

Entre os presidentes destes tribunais militares distinguiuse o tenente coronel de artillería Antonio Durán Salgado e entre os fiscais o tenente Ramón Rivero de Aguilar pero, evidentemente, nas diversas causas que afectaron a estes concellos participou un medio cento de militares. 

No pazo do Concello do Porriño, o día 1 de agosto, tomaba posesión Licer Ramilo Portela como delegado de Orde Pública, xestor e alcalde. Asinaba tamén a acta municipal o comandante do posto da Garda Civil, o cabo Enrique Moya Moya, indicando que o novo alcalde fora “designado, por el Señor Teniente Coronel de la Guardia Civil Delegado de orden público de esta provincia”. En 1937 foi substituído por Laureano Leirós Areal.

En iguais circunstancias era nomeado o alcalde de Mos, Paulino Pérez Rial, do Partido Radical, quen xa fora alcalde no Directorio e durante o Bienio negro. En Salceda de Caselas tardaron até o día 11 de agosto para designar a Lorenzo Llorente Lacarta, carabineiro xubilado, quen permaneceu no cargo ata finais de 1937. O seu concelleiro Antonio Diz Losada, distinguiuse no extremismo. Estes tres alcaldes coas súas camadas de concelleiros afíns ao Alzamento foron responsables das detencións, elaboración de informes, expedientes de depuración de funcionarios, control dos presos do depósito local, e demais aspectos da represión que lle incumbían.

Para continuar coa lectura só tes que conseguir o capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' que atoparás no Nós Diario de hoxe nos quiosques ou na nosa loxa online. Para a próxima, deixa de dar voltas e fai oficial a túa subscrición!

Comentarios